Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo achaca ao goberno local o atraso na redacción do PXOM

Nota de prensa

PARA O BNG E UNHA BOA NOTICIA QUE SE AVANCE NA REDACCION DO PXOM AÍNDA QUE RESPONSABILIZA AO GOBERNO LOCAL DOS ATRASOS SÚA TRAMITACIÓN

Modificacións na lexislación marco e prórrogas intencionadas do goberno local na súa redacción devolven a tramitación administrativa ao ano 2004

Dende o ano 2002 no que se iniciaron os traballos o goberno municipal modificou ate en tres ocasións os prazos para a súa redacción

Cervo, 12 de novembro de 2010. Dende maio de 2004 onde o pleno da corporación aprobou a exposición pública do avance do PXOM de Cervo non se producía ningún acto administrativo nin tampouco se daba á oposición información algunha sobre a redacción deste documento. Os nacionalistas responsabilizan ao goberno local de ter paralizado intencionadamente  a súa redacción dende o ano 2004 e aclaran que a reunión da Comisión de Seguimento non por iniciativa do goberno local senón forzada polo Valedor do Pobo ao negarse a alcaldía a ofrecer ningunha información sobre a tramitación do documento.

Parálise intencionada e negativa do goberno local a ofrecer información

A redacción do PXOM de Cervo iniciouse no ano 2002 e en maio de  2004 acordouse a toma en consideración do documento de avance e a súa exposición pública durante o prazo dun mes. Dende ese momento o goberno local solicitou ate tres prórrogas na redacción do documento, tendo que renunciar nunha ocasión as axudas da Xunta de Galiza por non poder xustificala ao non ter realizado os traballos. “O BNG denuncia que dende maio de 2004 ate o día de onte o goberno local negouse a ofrecer ningunha información sobre a tramitación do PXOM, non quixo convocar ningunha reunión informativa e só sabiamos dalgún movemento pola consulta dos rexistros de entrada e saída do concello”, aclarou o portavoz municipal Xoán Estúa quen ademais “denunciou que a reunión da Comisión de seguimento reunida onte, non se fixo por iniciativa do goberno local, senón que foi forzada polo Valedor do Pobo, polas queixas recibidas.” Estúa lembrou que entre o ano 2004 e o 2007 o “boom da construción permitiu as maiores aberracións urbanísticas producidas nunca especialmente en San Cibrao, cunha normativa urbanistica caduca e desfasada e cun goberno local que lonxe de racionalizar actuou como panca impulsora dun modelo económico do que hoxe estamos pagando as consecuencias”

Os cidadáns terán un mes para presentar suxerencias ao documento que estará  colgado na páxina web da Consellaría de Medio Ambiente.

O concello debe remitir agora o documento á Consellaría de Medio Ambiente que o deberá expoñer publicamente durante o prazo dun mes no que os cidadáns poderán consultalo e presentar suxerencias. Aínda que moito do traballo realizado no pasado pode ser aproveitado co cal “agardamos axilidade na redacción posterior”, todo o documento debeu ser adaptado aos cambios da normativa marco para aplicar os cambios introducidos por directrices medio ambientais promovidas pola Unión Europea, así como a modificación da LOUGA; posteriormente deberá adaptarse as Directrices de Ordenación do Territorio e ao Plan de Ordenación do Litoral.

Aínda que sempre e unha boa nova que haxa avances na redacción dun documento tan importante para Cervo como o PXOM, non deixa de ser curioso que este sufrira unha parálise xustamente nos anos onde mais orde se debería ter posto no crecemento urbanístico que rematou sendo caótico e desordenado, os nacionalistas quéixanse das consecuencias que deixou aquel caos, entre outras que o concello segue sen cobrar 1,2 millóns de euros da inmobiliaria Pasillo Verde e moitas das obras iniciadas naquel momento son agora pasto das silvas.

Exit mobile version