Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo proporalle ao pleno reclamar a urxente reparación da ponte de Arante

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ PROPORALLE AO PLENO DA CORPORACIÓN FACER  UN CHAMAMENTO INSTITUCIONAL PARA RECLAMAR A URXENTE REPARACIÓN DA PONTE DE ARANTE.

Ribadeo, 12 de novembro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, proporálle ao pleno da Corporación facer un chamamento institucional para reclamar a urxente reparación da ponte de Arante.

O rexedor explica que “hai unha proposta que de maneira aberta lles quero plantexar a todos os grupos sobre un chamada institucional do Concello para reclamar a urxente reparación da ponte de Arante, desta historia tan traída e tan levada que desde que as chuvias de xuño a destrozaron aínda a día de hoxe andamos a voltas. Vemos como a Xunta non se aclara nin entre ela mesma, ao mesmo tempo está en continúa liorta coa Deputación e viceversa e o que lles pretendemos pedir ás dúas partes é que por favor deixen as loitas partidarias a un lado e se acorden dos veciños da Ponte, dos Bestilleiros, de Vilamariz, de Covelas, de Balboa, etc, etc… que se acorden dos que teñen que utilizar a ponte de maneira urxente, que se acorden dos nenos que van no autobús actualmente por camiños municipais atravesando auténticos terrapléns, que se acorden tamén dos camións agrícolas, de madeira, dos do leite”.

Suárez Barcia sinala que “se trata de facer un chamamento serio desde o punto de vista institucional máis aló da cuestión partidaria para pedirlles á Deputación e á Xunta que no marco das súas competencias se poñan as pilas e se poñan de acordo para que antes de que remate este ano a obra estea licitada e si pode ser adxudicada. O que lles pedimos é sentidiño e que lle dean unha solución xa a este problema que estamos a sofrir”.

Convenio con ACISA

Na sesión plenaria do vindeiro luns someterase a aprobación o convenio marco de colaboración entre o Concello de Ribadeo e ACISA para a dinamización comercial da vila entre os anos 2011 e 2013. O alcalde di que “tamén suscita interés este diálogo que desde o Concello levamos mantendo nos últimos tempos coa Asociación de Comerciantes e co CCA de Ribadeo. Hai tres anos asinamos un convenio que rematou agora e é intención do goberno municipal voltar a asinar un novo acordo de colaboración de 2011 a 2013. O Concello comprométese a consignar cada ano 12.000 euros para facer actividades conxuntas”.

Fernando Suárez manifesta que “sempre digo que un dos pilares fundamentais, por non dicir o primeiro motor económico é o comercio local e estou moi satisfeito de ter intensificado nos últimos tempos actuacións en conxunto. Aí está a cesión deste local como sede de ACISA, este convenio que agora remata, as actuacións de mellora do casco vello a través da peatonalización, semi peatonalización e amaño de rúas para facer de Ribadeo unha vila máis comercial si cabe. Agora queremos dar un paso máis asinando un novo documento para facer máis actividades e co fin de facer de Ribadeo un lugar atractivo para comprar e para vender”.

Exit mobile version