Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo amosa a súa satisfacción polo convenio entre a Xunta e Cerámica de Sargadelos

Nota de prensa:

O convenio ten como finalidade revitalizar o plan de expansión e de crecemento comercial da empresa
VILLARES AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLO CONVENIO ECONÓMICO SUBSCRITO HOXE ENTRE A XUNTA E CERÁMICA DE SARGADELOS
• Este acordo permitirá manter os postos de traballo da planta cervense.
Cervo, 18 de novembro de 2010.- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares amosou a súa satisfacción polo convenio asinado hoxe entre a Consellería de Economía e Industria e a Cerámica de Sargadelos que, entre outras cuestións posibilitará -“o que para nos é o máis importante”- o mantemento dos actuais postos de traballo. O acordo ten por finalidade revitalizar o plan de expansión e de crecemento comercial da empresa grazas ao apoio decidido da Xunta de Galicia.

O rexedor explicou que foron moitas as xuntanzas que tiveron lugar nas últimas semanas “a dúas e a tres bandas” entre o Goberno municipal de Cervo, a empresa e responsables da Xunta de Galicia. A intermediación do Executivo local sempre tivo por obxecto facer o posible para garantir a viabilidade da empresa e consolidar o actual cadro de persoal. De feito, a empresa adquiriu o compromiso de non executar o despedimento durante o 2011 desas 18 persoas que neste momento estaban afectadas polo ERE de extinción e substitúe esta media por un ERE temporal que xa conta co visto e prace dos propios traballadores, “apoiado de xeito maioritario nunha xuntanza mantida no día de onte”.

AGRADECEMENTO Á IMPLICACIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA

Alfonso Villares insistiu en que a día de hoxe son moitas as empresas que están a atoparse con enormes dificultades derivadas da crise económica. “Compañías de todo tipo, incluso de produtos básicos, un ámbito de actividade moi diferente do que desenvolve Cerámica de Sargadelos”. Neste contexto, polo tanto, cómpre agradecer dun xeito especial á Xunta de Galicia o compromiso que está a ter coa empresa cervense e cos seus traballadores. Un compromiso que personifica “de forma moi destacada” na figura do propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo “pola súa axuda e polo impulso que supón a implicación da administración autonómica neste asunto, que esperamos sirva para que Cerámica de Sargadelos poida levantar o voo e manter a súa vida con este mesmo cadro de persoal”.

Exit mobile version