Nota de prensa
Novas Xeracións mobiliza aos máis novos na loita contra a violencia doméstica
* A agrupación política pon en marcha a Mesa contra a Violencia Doméstica e organizará foros, debates e conferencias para concienciar á sociedade
* O presidente provincial fai un chamamento ás demais organizacións político – xuvenís para traballar xuntos contra esta lacra social
Esta nova medida, contra unha lacra social que segue a cobrar numerosas vítimas ao longo do ano, foi presentada esta mañá polo presidente provincial de Novas Xeracións, Daniel Vega, na sede que o Partido Popular de Lugo ten na rúa San Marcos. Durante a súa intervención, Vega explicou a loita que se emprenderá dende NNXX para que “a xuventude moza se dea conta da gran problemática social que se vive en moitos fogares e se implique contra a súa erradicación”. Así, segundo precisou o presidente provincial, dende Novas Xeracións “queremos concienciar á sociedade do maltrato doméstico con independencia do sexo e tamén dos abusos a menores e maiores que se viven en moitas familias”.
Novas Xeracións de Lugo organizará foros de participación, debates e conferencias que permitan sensibilizar á sociedade sobre unha problemática que afecta a numerosas vítimas ao longo do ano. Neste sentido, Daniel Vega asegurou que dende a agrupación político – xuvenil vinculada ao Partido Popular “non queremos facer simple demagoxia e saír nos medios, senón que queremos traballar para que na realidade se palpen medidas produtivas contra a violencia doméstica”.
Para incrementar a efectividade destas accións de repulsa contra a violencia doméstica que Novas Xeracións organizará durante todo o ano, Daniel Vega fai un chamamento ás demais organizacións xuvenís vinculadas a outras forzas políticas para “dialogar, debater e en definitiva traballar xuntos contra esta lacra social”.
A través deste proxecto, Novas Xeracións fomentará a implicación dos máis novos en accións que conciencien sobre a violencia doméstica, ao tempo que promoverá a reflexión e o coñecemento ante tal fenómeno.