Pedimos ao Goberno Español e a Comunidade Internacional, que protexa á poboación civil saharauí, que está sufrindo as duras actuacións policiais que o réxime marroquino aplica no territorio do Sáhara Occidental.
Recentemente, unidades militares e policiais marroquinas teñen entrado no campamento de protesta saharauí de Gdaim Izik, preto de El Aaiún, co obxectivo de desmantelalo pola forza, causando varios mortos, multitude de feridos, pánico e anguria entre os milleiros de homes, mulleres e nenos que pacificamente concentrábanse no campamento reclamando os seus dereitos más elementais.
A brutalidade empregada polas forzas marroquíinas no desmantelamento do campamento saharauí de Gdaim Izik trasládanse agora os barrios da capital da antiga colonia española. Aínda que Marrocos negou que os militares tiveran participado no asalto ao campamento, parece certo que en El Aaiún hai despregado un importante continxente da xendarmería real e do exército. Tamén parece certo que non auxilian os feridos nin os mortos. Non teñen levado a ninguén os hospitais. Rabat insulta a intelixencia o escudarse en que ten actuado contra “delincuentes”.
O Estado de Marrocos, coa súa actitude violenta e antidemocrática, vulnera normas tan básicas como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Esta proclama no seu artigo 19 que di “todo individuo ten dereito a liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa da dúas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión”.
Instamos a Unión Europea e de un xeito especial ao Goberno Español, a que faga un chamamento ao Rei de Marrocos para que poña fin a esta tolería de represión e violencia inxustificada, desproporcionada e cruel. O Goberno español ten unha responsabilidade histórica e ten que esquecer a súa grave pasividade ante as vulneracións de dereitos humanos de Marrocos. ADEGA vai dirixir con este motivo sendas cartas á ministra española de Asuntos Exteriores, Trinidad Jiménez, e á alta representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade da UE, Margaret Ashton.
Ademais, temos que recordar que o acordo de asociación asinado pola Unión Europea con Marrocos inclúe una cláusula que esixe o cumprimento do dereito internacional e os dereitos humanos, polo que Europa tería que revisar dito acordo pola traxectoria de incumprimentos reiterados e agravada agora polos últimos acontecementos.
Para acabar coa impunidade marroquí, facemos un chamado a sociedade civil a mobilizarse e reaccionar de xeito inmediato. Non se pode deixar que se sigan a vulnerar os dereitos do pobo saharauí. ADEGA vai participar nas concentracións de protesta convocadas e demanda o compromiso da sociedade galega en todas as accións de denuncia da represión sobre o pobo saharauí.