Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz
Na súa casa da viguesa Praza de Compostela acaba de finar o ilustre mariñán don Francisco Fernández del Riego, fillo predilecto de Lourenzá: escritor, historiador e político nos tempos en que éstes – os políticos – eran, según as súas palabras, románticos, non buscaban compensacións, traballaban simplemente por ideais, cunha pureza e unha autenticidade admirables. Ou sexa, nada que ver co de hoxendía… Tan brillante persoeiro recibíu ó longo da súa vida os mais importantes galardóns que se reservan a aqueles que a tais niveis honran a súa terrra: Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Premio Trasalba. Medallas de Ouro de Galicia ou da cidade de Vigo e da Universidade de Compostela, Galego Egrexio…Foi Presidente da Real Academia Galega.
Polo que á Mariña respecta a Asociación Cultural O Mundo de Galea investiuno Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela en 2008 para o que, debido ós seus problemas de mobilidade se desprazaron a Vigo unha trintena de membros da mesma para asistir ó solemne acto que se desenvolveu no Hotel Avión daquela cidade. Na súa condición de voceiro, este cronista encetou o mesmo con estas palabras: “ Estas que o acompañan son as súas xentes; as xentes da bisbarra que ten para vostede o corazón en Vilanova; daqueles pobos que con tanta galanura describe no seu fermoso libro “Lourenzá”. Vimos a ofrecerlle o testemuño da nosa gratitude, da nosa admiración e do noso agarimo. Da gratitude porque é vostede persoa que honrou sempre, e a honra, á súa terra, que é a nosa. Gratitude, pola súa exemprar experiencia vital: decíame nunha das entrevistas que tivo a xentileza de concederme que cando lle chegara a hora da morte iríase tranquilo, porque non fixo mal a ninguén, foi sempre fiel a si mesmo, ó seu pensamento, e as súas actuacións estiveron sempre presididas polo concepto da honestidade e da coherencia. Gracias polo exempro. Traémoslle a esta cosmopolita cidade de Vigo a lembranza da virxiliana natureza do seu val, “a cunca multiverde arrodeada de lombas”, como vostede a describe, e tamén as brisas da Rapadoira, que na súa nenez e adolescencia tanto disfrutou, “esquieiro” en ristre, por entre as penas do Escairo e da Garita, alí onde Buón, o cantor de Mondoñédo que chamou Lence Santar, perdeo a vida.
Traémoslle os recordos do seu “vagacento pasear” polo silente cantón enlousado da súa vila natal; os de lugares e paraxes que lle son tan queridos: Batán, Baos, Cuñas, Cabaleiros, a Ponte da Pedra, O Masma, A Cazolga… Por todo eso, e moito mais, esta Asociación O Mundo de Galea quere distinguilo co máximo galardón que lle é posible: o de Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela” Descanse en paz, insigne Cabaleiro.