Nota de prensa:
18 xóvenes titulados da provincia obterán experiencia profesional nas empresas europeas con maior proxeción
– O organismo provincial publicou na súa páxina web e no taboleiro de anuncios a listaxe dos beneficiados das primeiras bolsas medioambientais da provincia Lug02
– Os selecionados realizarán prácticas en entidades de Europa durante 4 meses, e en empresas das 3 Reservas da Biosfera e do Courel durante 8 meses
– A Deputación e a Unión Europea asumen todos os gastos supoñendo un custe cero para os participantes que ademais recibirán 1.000 euros mensuais
A Deputación publicou este venres na súa páxina web e no taboleiro de anuncios a listaxe dos beneficiados das primeiras becas medioambientais na provincia impulsadas pola institución ó amparo de Lug02. Trátase do programa dotado de 5 millóns de euros, -co-financiado nun 70% pola Unión Europea-, que está a xerar riqueza na provincia, e a impulsar o medio rural, mediante a creación de empresas, postos de traballo, ou novas oportunidades económicas, cos obxectivos a maiores, de frear o despoboamento demográfico e cooperar cos Concellos; retos que se marcou o organismo provincial.
Os 76 xóvenes titulados da provincia admitidos no proceso de selección realizaron esta semana as probas definitivas que consistiron nun exame de inglés oral e nunha entrevista persoal. Para a elección dos participantes, puntuouse o dominio do idioma estranxeiro, a experiencia profesional, e o coñecemento da materia. Finalmente, os 18 beneficiados son xóvenes da provincia titulados en variadas enxeñerías, licenciaturas, e diplomaturas relacionadas co medioambiente, -Bioloxía, Ciencias Ambientais, Forestais, Montes, Agrónomos, etc-, que verán agora aumentar as súas posibilidades de inserción laboral grazas ás bolsas da Deputación.
Dende xaneiro e durante 4 meses, os seleccionados obterán experiencia profesional mediante prácticas nas empresas europeas con maior proxeción situadas en Reino Unido, Italia, República Chega, Portugal, Alemaña, e Austria. Os novidosos coñecementos que adquirirán poderán logo aplicalos na provincia. Primeiro, e durante 8 meses, como bolseiros en entidades das 3 Reservas da Biosfera e do Courel onde, a maiores, recibirán 1.000 euros; e posteriormente, como emprendedores. O organismo provincial faise cargo de todos os gastos supoñendo un custe cero para os mozos. É dicir, asume as viaxes de ida e volta, aloxamento, manutención, así como os gastos dos organismos de acollida na cidade de destino.
As becas medioambientais garanten unha ampla e especializada formación medioambiental ós mozos lucenses cuxas titulacións versan ó respecto abríndolles, deste xeito, o campo laboral nunha provincia, como a de Lugo, que conta con máis de 100 quilómetros de costa, 800 Camiños de peregrinación, e onde o 55% da súa superficie é Reserva da Biosfera avalada pola UNESCO á que se engade O Courel. Esta é unha iniciativa que se enmarca dentro da aposta da Deputación polo medioambiente, a nosa oportunidade económica.