Nota de prensa:
Preocupante a crecente normalización da violencia entre a mocidade.
Ribadeo, 26 de novembro de 2010. No ano 2008, aprobábase en Ribadeo un Protocolo local de prevención, detección e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e acordábaselle dar permanencia e continuidade a Comisión redactora do Protocolo. Esta comisión está integrada na actualidade por representantes das FCSE, Policia Municipal, Centro de sáude, un representante de cada centro educativo, e o persoal do Centro de Información ás mulleres de Ribadeo.
A Comisión interinstitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo, que se reúne trimestralmente na última xuntanza fixo a seguinte valoración sobre a violencia de xénero existente no noso Concello:
1. Constátase un lixeiro descenso das denuncias perante a xustiza. Sen embargo, este descenso non é real en canto ao número de casos detectados polos diferentes servizos. Hai mulleres que siguen a sufrir violencia coa negativa a recoñecer a situación na que se atopan, e hai outras que deciden pór fin a esa situación sen interpór denuncia. Os casos de violencia de xénero no Concello siguen a manterse en correlación con outros anos.
2. Son diversos factores ou causas que inflúen na escasez de denuncias ante os xulgados:
a. Falta de expectativas ante o fracaso na aplicación da Lei 1/2004 de 28 de decembro de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e a Lei 11/ 2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero:
i. Falta de medios económicos para a súa implementación, sobre todo no que se refire a medidas de carácter preventivo no ámbito educativo e no ámbito formativo para os diferentes operadores.
ii. Excesiva burocracia e lentitude na tramitación dos procedementos de solicitudes de axudas de carácter económico, como por exemplo, nas axudas dirixidas ás mulleres vítimas de violencia de xénero (o prazo medio para resolver as mesmas sitúase en 3-4 meses ).
b. Introdúcese unha confusión no discurso a raíz da difusión de determinados mitos falsos (como o das denuncias falsas por parte das mulleres para obtér ventaxas nos procesos de divorcio, separación xudicial ou ruptura das parellas de feito ) e do desprestixio e deturpación que se está a facer por parte de diferentes sectores da lexislación vixente en materia de violencia de xénero.
A esta confusión contribuen de maneira activa determinados medios de comunicación.
c. Observamos tamén unha importante relaxación dos diferentes sectores profesionais implicados na loita contra a violência de xénero que non sinte a necesidade de formarse para que cada un desde o seu ámbito mellore a súa eficacia.
d. Evidenciase como preocupante, a crecente normalización da violencia entre a mocidade e a súa utilización para a resolución de confictos.Ponse de manifesto a necesidade de que o profesorado traballe nas aulas a prevención da violencia de xénero ou a igualdade de maneira máis profunda e non simplemente con actividades puntuais promovidas desde outras entidades.
Está habendo un enorme retroceso en canto aos ideais que xiran arredor das relación amorosas ( valoración positiva do ideal romático, da posesión e os ciumes como valores que reflicten o amor…).
e. Necesidade de sensibilizar a sociedade sobre a dimensión e a causa desta problemática, xa que a violencia contra as mulleres ven avalada por un patrón discriminatorio que sitúa ás mulleres nunha subordinación aos varóns no que este sinte a capacidade de controlar e exercer un poder de decisión sobre a muller que merma toda a súa libertade e capacidade de autonomía, co que conleva de indignidade.
Por iso, é importante facerlle comprender á cidadanía o fenómeno da violencia, profundizar nas súas causas e no seu carácter ligado ao sexismo e a discriminación, para poder adoptar medidas eficaces desde todas as áreas implicadas, porque a violencia contra ás mulleres ten una orixe social e cultural, nun proceso de socialización dos varóns que consiste en decirlles que a masculinidade failles superior aos demais.
COMISIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO INTERINSTITUCIONAL DO CONCELLO DE RIBADEO.
Asdo: Concelleira da da Muller, representantes da Garda Civil, da Policia Municipal, do Centro de Sáude de Atc Primaria de Ribadeo, do IES Dionisio Gamallo Fierrros, do IES Porta da Auga, do Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, Colexio Sagrado Corazón de Xesús, Colexio Gregorio Sanz e do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo.