Nota de Prensa
Antonio Veiga anunciou a aprobación dun convenio co Concello de Riotorto por 190.000 euros para a recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial ligada á actividade dos ferreiros
Ademais, a Área de Cultura e Deportes colaborará con este concello con 90.000 euros para levar a cabo un programa de actividades anual na Rede de Centros Veciñais
LUGO, 5 de novembro de 2010. O nacionalista Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, informou hoxe na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, da aprobación dun convenio entre a Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Riotorto mediante o cal a institución aportará a este concello 190.000 euros para pór en marcha o programa de dinamización, recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial relacionado coa tradición ferreira chamado “Plan do Ferro 2010/2011”. Segundo explicou Antonio Veiga, “este é un plan ambicioso que pretende, por unha parte, nunha primeira actuación, estudar e recuperar todos os elementos do patrimonio cultural, materiais e inmateriais, que compoñen o proceso de transformación do metal en ferramentas e útiles de corte, a través das persoas que aínda conservan o oficio de ferreiro en Riotorto, para, unha vez realizado este traballo, poñer en valor o recollido e darlle a maior difusión e divulgación a nivel de todo o país para que se coñeza este histórico traballo”.
Ademais, a Área de Cultura e Deportes da Deputación, segundo informou Antonio Veiga, colaborará co Concello de Riotorto mediante unha subvención excepcional de 90.000 euros para levar a cabo un programa de actividades anual na Rede de Centros Veciñais. Este programa de actividades a desenvolver nos Centros Veciñais que o goberno municipal de Riotorto recuperou, e que se distribúen polas parroquias do municipio, fará que os veciños e veciñas poidan coñezan mellor o noso país e a nosa historia, a través de actividades culturais, educativas e lúdicas, e tamén se desenvolverán outro tipo de actividades como recuperación e práctica de xogos tradicionais da zona e galegos, actividades específicas de avellentamento activo para persoas maiores, etc. Todo este programa, segundo explicou Veiga, “ten como finalidade ofrecer alternativas culturais e de lecer á poboación dun concello pequeno como é Riotorto, que doutro xeito carecería de todas estas posibilidades, aproveitando para elo os Centros Veciñais que se rehabilitaron nas parroquias”.
Por outra banda, Antonio Veiga informou da aprobación das bases que rexerán a convocatoria de dúas bolsas de formación para a Área de Cultura da Deputación en 2010/11, unha de xestión cultural para levar a cabo tarefas propias do departamento de Cultura e outra específica de teatro, coa finalidade de continuar co proxecto de dinamización do teatro afeccionado “Buxiganga”. Estas bolsas estarán dotadas con 10.000 euros cada unha e desenvolveranse no prazo dun ano. Do mesmo xeito, tamén se aprobaron as bases que rexerán no procedemento de concorrencia competitiva para a concesión de dúas bolsas de formación en materia de Patrimonio Inmaterial da Área de Cultura e Deporte para o ano 2010-2011, que teñen como finalidade principal completar coa creación dunha publicación a corpus de datos recollidos no traballo de campo sobre a tradición das festas con arraigo e alto valor cultural en Lugo desenvolvido na anterior convocatoria de bolsa. As bolsas están dotadas de 6.668,00 euros para o desenvolvemento das dúas bolsas, correspondéndolle 3.334,00 euros a cada unha delas.
Noutro punto, correspondente á Área de Benestar Social, Antonio Veiga deu conta da aprobación dunha subvención excepcional, por un importe de 38.000.000 euros entre esta área e a Fundación Meniños para financiar o “Proxecto para a detección e avaliación de necesidades relativas á conflitividade na adolescencia a desenvolver en varios concellos de Lugo”.
Para rematar cos puntos da orde do día, o delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo informou do estabelecemento dos prezos públicos do libro “Noriega Varela: memoria dunha homenaxe”, que será fixado en 10.00 euros, correspondéndolle á Deputación un total de 9,68 euros por exemplar vendido directamente.
Fóra dos asuntos da orde do día, Antonio Veiga quixo facer referencia a unha carta que a Área de Cultura da Deputación recibiu por parte da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro na que este colectivo informa de que rexeitará as axudas concedidas para o desenvolvemento das súas actividades por consideralas moi baixas. Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “pese a que desde a Área de Cultura da Deputación respectamos profundamente a actividade das congregacións, institucións e colectivos relixiosos, non entran dentro das finalidades deste departamento, acolléndose aos dereitos e obrigas que recolle a Constitución neste Estado aconfesional, financiar a este tipo de agrupacións”. Atendendo ao contido da carta, Antonio Veiga rexeitou que houbese calquera tipo de actitude “hostil” cara a Xunta de Cofradías de Viveiro xa que o criterio é común e aplicado a todas as confrarías da provincia, independentemente de cal sexa o concello no que radican, polo que non existe ningún tipo de discriminación positiva nin negativa ao respecto.