Nota de prensa
HOXE INAUGUROUSE A MOSTRA CONMEMORATIVA “ROSALÍA, SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!” NO MUSEO DO MAR
Antonio Veiga asistiu ao acto de inauguración da exposición, que tras permanecer no Museo de Lugo, trasládase ao Museo do Mar de San Cibrao (Cervo), onde permanecerá ata o vindeiro día 15 de novembro
Tamén se realizará un recital, “Ao raso coas lebres”, o xoves 4 de novembro, e a presentación do libro de Pilar García Negro, “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”, o martes día 9
A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea. A mostra está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais. Dado o seu carácter itinerante, ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. Acompáñase de dous audiovisuais. O primeiro deles, co mesmo título que a exposición, condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é “Ignotus”, unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.
Para conmemorar o 125 aniversario de Rosalía, leváronse a cabo con grande éxito en Lugo ee agora tamén se realizarán en San Cibrao actos complementarios á mostra. O primeiro é un recital-concerto titulado “Ao raso coas lebres”, a cago de CasaHamlet, o xoves día 4 de novembro ás 20:00 horas. Esta obra tenta mostrar a rebeldía e lucidez dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvelou a situación do pobo e a cultura galega, comezando pola lingua e o seu orgullo pola mesma e contundencia fronte ás agresións.
Por outra banda, o libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, de Pilar García Negro, presentarase o martes 9 de novembro ás 20:00 horas. En el pode apreciarse unha nova mirada sobre Rosalía, salientando o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada obre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria.