Nota de prensa
MAÑÁ CONCLÚE EN FOZ A CAMPAÑA AS COMPRAS NA TÚA VILA TEÑEN PREMIO CO SORTEO DE 3.000 EUROS EN TARXETAS REGALO. O ACTO TERÁ LUGAR ÁS SETE DA TARDE NA PRAZA CONDE FONTAO.
Foz, 5 de novembro de 2010. Mañá conclúe cunha xornada de festa a campaña As compras na túa vila teñen premio, que organizaron a Federación Galega de Comercio e a Asociación de Comerciantes de Foz e que se ven desenvolvendo desde o pasado 26 de outubro.
As persoas que durante estes días estiveron a realizar as súas compras no comercio focense presentaron os seus tickets na carpa situada a carón do Concello e tamén ás promotoras que atoparon polas rúas da vila. Todos eses tickets entrarán no sorteo que terá lugar mañá sábado a partires das 19 horas na praza Conde Fontao. Os gañadores poderán facerse con dúas tarxetas regalo de 300 euros e 24 tarxetas regalo de 100 euros, xentileza de Caixa Galicia.
Os actos de fin de campaña darán comezo ás 11:30 da mañá con pasarrúas, zancudos e malabaristas, xa ás 12:30 na praza Conde Fontao os máis pequenos poderán disfrutar do espectáculo “Llilla e Fifo”. Pola tarde ás 16:30 de novo haberá animación nas rúas, ás 17:30 horas maxia cómica con “Rey Midas”, ás 18:30 terá lugar a actuación da cantante de O Incio, Lucía Pérez e o broche de ouro será o sorteo e a entrega dos premios.