Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Ribadeo e Xunta investirán 82 mil euros nas obras da rúa Reinante

Nota de prensa

CONCELLO E XUNTA INVESTIRÁN 82.000 EUROS NAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN E EMBELECEMENTO DA RÚA REINANTE, NO TREITO COMPRENDIDO ENTRE DEPUTACIÓN E JOSÉ  VICENTE PÉREZ MARTÍNEZ. OS TRABALLOS QUE DERON COMEZO HOXE TAMÉN SE ACOMETERÁN OS SÁBADOS.

Ribadeo, 23 de novembro de 2010. Concello e Xunta investirán 82.000 euros nas obras de acondicionamento, humanización e embelecemento da rúa Reinante, no treito comprendido entre Deputación e José Vicente Pérez Martínez. Os traballos, que deron comezo hoxe e concluirán a finais de ano, tamén se acometerán os sábados.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou que “a verdade é que senon tiñamos xa poucas obras en toda a vila no día de hoxe empezamos co treito que faltaba da rúa Reinante. Trátase deste treito, non moi grande, pero sí moi importante que da acceso ao centro de saúde de Ribadeo. É inevitable iniciar estes traballos xa que nos foi comunicada a subvención hai tan só uns días e prácticamente senon queremos perdela debemos comezar xa”.

O rexedor explicou que “de aquí a finais de ano traballaremos todos os días laborables e ademáis os sábados. É unha novidade que non estamos a facer noutras obras, pero aquí pola premura do tempo e por causar menos molestias aos usuarios do centro de saúde plantexámolo así coa empresa adxudicataria das obras”. Suárez Barcia engadiu que “xa tivemos xuntanzas con responsables do centro do saúde, tanto das ambulancias como coa propia dirección para garantir sempre un acceso aos usuarios a esas instalacións, sobre todo á xente maior que ás veces ten dificultades de mobilidade”.

O alcalde considera que “cando rematen as obras suporán un cambio importante da fachada desta rúa, quedará moi parecida á rúa San Francisco. Contémplase a colocación de mobiliario urbano e cambiar toda a rede de tuberías que están no subsolo destas rúas e que polo paso do tempo ese material está caducado e pasado. Moitas veces é máis importante o custe económico do que non se ve que o que está á vista de todos”.

Fernando Suárez subliñou que “así se leva adiante un compromiso máis a través dese convenio asinado coa Asociación de Comerciantes para que estas rúas comerciais vaian tendo unha cara diferente e para que sigamos a ser líderes absolutos na Mariña e no Occidente asturiano como lugar de compras, de negocios, de paseo, de lecer… envidiable para tanta e tanta xente que cada vez que ven a Ribadeo recoñece que foi cambiando para ben. Confío en que esta rúa sexa un paso adiante nesta firme aposta por convertir a Ribadeo nunha vila moderna, de servizos e absolutamente ao nivel de calquera outra vía europea”.

O rexedor está  a enviar cartas aos veciños da rúa Reinante informándoos do inicio e pedíndolles disculpas polas incomodidades e molestias que lles poidan ocasionar.

Exit mobile version