Nota de prensa
O conselleiro de Medio Ambiente e o alcalde de Lourenzá asinan un convenio de colaboración para a limpeza e dragado do encoro de Lourenzá
*
A acumulación de algas e sedimentos no vaso do encoro poñen en perigo o bo funcionamento do mecanismo de desaugamento, ademais de minguar a capacidade do encoro
*
Tamén se evitarán episodios de avenidas ou asolagamentos
Santiago, 12 de novembro de 2010.- A Xunta de Galicia destinará máis dun millón de euros de inversión para a limpeza e o dragado do encoro de Lourenzá no río Baos, en Lugo. O responsable de Medio Ambiente asinou hoxe un convenio de colaboración en materia de saneamento co concello lugués de Lourenzá.
Na actualidade sucede que no encoro situado no municipio de Lourenzá observouse a existencia dunha importante acumulación de lamas e sedimentos no vaso. Este feito implica unha redución da súa capacidade e tamén pode darse a situación de que os seus órganos de desaguamento queden fóra de servizo. Cómpre indicar que esta situación limita a capacidade de actuacións en caso de que acontezan episodios de avenidas ou asolagamentos.
En consecuencia, e dado que o encoro forma parte da rede de abastecemento ao municipio e existe a ameaza de afectar a subministración de auga á poboación de Lourenzá, é necesario dragar os sedimentos acumulados no encoro, situado no río Baos, así como o posterior tratamento e xestión das lamas recollidas.
Con esta obra acádase o obxectivo de promover a mellora do medio ambiente, contribuíndo a garantir a sustentabilidade e protección ambiental, así como o servizo aos habitantes da zona, xa que o encoro forma parte da rede de abastecemento ao municipio.
Nas obras inclúese o dragado das areas e lodos acumulados no vaso ante a ameaza de afectar a subministración de auga á poboación de Lourenzá. Estímase que será necesario dragar un volume de 13.195 metros cúbicos.
O procedemento de dragado será por medio de aspiro-draga a cal irá montada nunha balsa, que bombeará a través dunha mangueira flexible o caudal de lodos a unha planta portátil instalada no lateral do encoro, onde se separarán as fraccións sólida e líquida e procederase a clasificar e deshidratar os lodos obtidos para a súa posterior entrega a xestor autorizado.
O abastecemento á ETAP de Lourenzá manterase en todo momento alleo aos traballos no encoro ao dispoñerse unha toma provisional mediante pozo filtrante e bombeo de auga necesaria á actual condución.
Outro dos beneficios desta colaboración é a resposta aos efectos negativos da degradación ambiental da zona, xa que ao ritmo de aterramento do encoro é posible que nuns anos desaparezan as masas de auga global, quedando substituída por pequenas masas de auga que se comunicarían en función do nivel do encoro.
Obrigas dos asinantes
En virtude desta colaboración, as administracións asinantes do convenio asumen unha serie de obrigas. No caso da Consellería de Medio Ambiente comprométese a financiar o 100% da actuación, polo que se destinarán 1.068.622 euros, contratar as obras e entregar estas unha vez finalizadas.
Por outra parte, o Concello de Lourenzá debe poñer á disposición os terreos necesarios para a normal execución das obras. Tamén se compromete ao sometemento a información pública dos proxectos das obras correspondentes e compromiso de conformidade co proxecto técnico dos traballos.