Nota de prensa
OS OBRADOIROS DE MEMORIA ‘LEMBRANZAS’ COMEZARÁN A VINDEIRA SEMANA EN CERVO E SAN CIPRIÁN
* A concellería de Asuntos Sociais, organizadora da iniciativa, ampliará en primavera ao resto das parroquias estes talleres adicados aos maiores
Cervo, 12 de novembro de 2009.- A concelleira de Asuntos Sociais, Pilar Armada, anunciou hoxe que os obradoiros de memoria “Lembranzas” darán comezo o vindeiro luns, día 15 no núcleo de Cervo.
Estes talleres -organizados pola concellería de Asuntos Sociais- celebraranse nunha primeira fase en Cervo e San Ciprián, e posteriormente ampliaranse ao resto das parroquias. “Previsiblemente farémolos en primavera” indicou Armada.
Os obradoiros celebraranse en Cervo tódolos luns e mércores na sede do Ecomuseo en horario de 15.30 a 17.00 horas; e en San Ciprián desenvolveranse os martes e xoves de 17.30 a 19.00 horas.
Os interesados en participar deberán ser maiores de 50 anos e estar empadroados no municipio. Para inscribirse e ampliar información deben dirixirse no caso de Cervo á Casa do Concello ou chamando ao teléfono 615.32.13.86 e en San Ciprián á Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 982.59.51.57.
Pilar Armada quixo salientar a celebración por terceiro ano ano consecutivo desta iniciativa, agora baixo o nome de “Lembranzas”. Con ela se persegue que os veciños e veciñas maiores de 50 anos que o desexen poidan reforzar a súa capacidade de retención de ideas, recordos e imaxes. Neles buscase ademais fortalecer as áreas de lingua e aritmética mediante a exercitación da lectura e a realización de operacións matemáticas, tarefas que serven a modo de ximnasia para o cerebro.
Esta actividade está organizada polo Concello de Cervo e nela colabora a Asociación de Xubilados Terra Mar.