Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asesora a 20 comerciantes que participan no programa “Burela co seu Comercio”

Nota de prensa 1/2

Arrinca con todas as prazas cubertas o programa personalizado e gratuíto Burela co seu Comercio

– O Presidente da Deputación e o Alcalde de Burela inauguraron a iniciativa, pioneira na provincia, para a mellora do pequeno comercio

– Expertos económicos visitan esta semana os 20 establecementos para avaliar a colocación dos produtos, o trato ó cliente, ou as técnicas fronte á competencia

– Esta é a 2º programación de apoio ó tecido empresarial que a Deputación leva a Mariña, que se engade ás 250 subvencións a autónomos da zona

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, inauguraron este luns Burela co seu comercio, o 1º programa personalizado e gratuíto posto en marcha na provincia para a mellora do sector. A iniciativa, pioneira na provincia, tivo unha exitosa acollida de xeito que todas as prazas ofertadas quedaron cubertas ós poucos días da súa presentación. 20 comerciantes burelenses recibirán 250 horas de asesoramento individual e práctico, e acadarán un plan de mellora adaptado as súas necesidades. A Deputación faise cargo de todos os custes aforrando 80.000 euros ó sector, o prezo segundo o mercado deste servizo.

Gómez Besteiro salientou que “a verdadeira columna vertebral da economía lucense son os autonomos e o pequeno comercio. Estou seguro de que obterán neste curso o mellor asesoramento e a discreción que a todos nos gusta cando se fala dos numeros dun negocio”. Pola sua banda, o Alcalde destacou que “se aguanta o comercio, aguanta o emprego. O que sexa positivo para os comerciantes tamén o é para o Concello de Burela”

Expertos económicos comezan xa a visitar os establecementos esta semana na que o programa estará adicado ó marKeting. Deste xeito, avaliarán in situ e de forma individualizada as vendas, a colocación, o etiquetado, o prezo, a distribución ou a calidade dos produtos; o trato, a información, e ata a recuperación ou a conserva dos clientes; así como as técnicas fronte á competencia, ou as de promoción e publicidade.

Durante 6 semanas, os participantes terán a oportunidade de coñecer, e sempre de forma adaptada ós seus negocios, as oportunidades no mercado, as negociacións con provedores e institucións financeiras, o contorno xurídico laboral e fiscal, as actividades de merchandising, a xestión dos stocks, os posibles proxectos de expansión ou remodelación comercial, e ata as estratexias defensivas ou de cooperación.

Compromiso co tecido empresarial

Dos catro programas da Deputación para impulsar ó tecido empresarial da provincia, dous celebráronse na Mariña. O organismo provincial levou a Viveiro unha programación sobre a sucesión na empresa familiar, e agora estrea en Burela un programa especializado no pequeno comercio.

O compromiso da Deputación co sector empresarial da Mariña tamén é cuantificable nos máis de 250 autónomos da zona ós que o organismo provincial lles subvenciona os gastos correntes tales como os recibos de luz e teléfono, seguros ou aluguer, mediante unhas subvencións novidosas en España dirixidas a este sector. Moitos dos beneficiados son comerciantes e hosteleiros que forman parte dos centos de provedores de Km0.Deputación de Lugo, o programa medioambiental grazas ó cal aumentaron a súa clientela logo da visita ós seus establecementos de miles de participantes nesta iniciativa.

Nota de prensa 2/2

ALFREDO LLANO E GÓMEZ BESTEIRO INAUGURARON ESTE MEDIODÍA NO CONCELLO O PROGRAMA BURELA CO SEU COMERCIO DO QUE SE BENEFICIARÁN NAS VINDEIRAS SEMANAS 20 FIRMAS.

Burela, 15 de novembro de 2010. O alcalde, Alfredo Llano, e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro inauguraron este mediodía no Concello o programa Burela co seu comercio. Vinte empresas participan nesta iniciativa, pioneira na provincia. Os comerciantes recibirán ao longo das vindeiras semanas 250 horas de asesoramento individual e práctico.

Llano pensa que “é unha boa idea que o Concello e a Deputación se impliquen nas melloras das empresas, que se impliquen e se responsabilicen xunto con elas a manter a súa actividade, xa que dan traballo e alimento a moita poboación. É unha formación que será moi beneficiosa para todos eles, Burela co seu comercio impartirá 250 horas de curso abarcando temas como o escaparatismo, o márketing, finanzas, promoción, vendas, interiores… e eso sempre é moi bó para que todos teñan os seus negocios o mellor preparados posible”.

O rexedor considera que “a xente ten que prepararse e agora que estamos pasando por tempos difíciles queremos que esto sexa unha moi boa cousa cara o futuro. Eso significa que hai interés por manter as empresas, hai 20 persoas apuntadas neste curso e son quen de aguantar os seus negocios e os postos de traballo que derivan delas e eso é o que nos parece fundamental. Desde o Concello queremos agradecer esa colaboración e agardamos que ésta sexa indefinida e pensando sempre nas empresas e nos seus empregos”.

Alfredo Llano engade que “esta iniciativa é boa, vai dar resultados moi positivos, van ser de aplicación e eso se notará no futuro para ben de Burela e das súas empresas”

Exit mobile version