Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco concellos da Mariña contarán con aulas CEMIT para acceso ás novas tecnoloxías

Nota de prensa:
Teñen como obxectivo facilitar o acceso igualitario dos cidadáns á alfabetización dixital

UN TOTAL DE 6 CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO CONTARÁN CON AULAS CEMIT DE ACCESO PÚBLICO ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS

* A Administración autonómica asinará proximamente os convenios de colaboración con estes municipios para que se incorporen á Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica
* A Xunta achegará aos concellos unha cantidade equivalente ao 80% do salario do profesional que se ocupará do centro
* Tamén se ocupará de dotar de equipamento informático o centro e do seu mantemento técnico
* A nova Rede ponse en marcha coa vocación de estenderse por todo o territorio galego

Santiago, 6 de novembro de 2010.- Un total de 6 concellos da provincia de Lugo contarán con aulas públicas de acceso ás novas tecnoloxías integradas na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) que pon en marcha a Xunta de Galicia. Os municipios lugueses de Ribadeo, Burela, Carballedo, O Vicedo, Riotorto e Sarria asinarán proximamente un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para adherirse á Rede CeMIT, que ten como obxectivo promover o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación na poboación, especialmente nos colectivos onde a fenda dixital é máis evidente.

Nas catro provincias galegas serán 53 os concellos que contarán con aulas públicas de acceso ás novas tecnoloxías integradas na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT). A Rede, que contará cun orzamento de 963.175 euros en 2011 ponse en marcha con vocación de estenderse a todo o territorio galego.

Coa Rede CeMIT desenvolve un novo modelo de xestión que busca optimizar os recursos dos concellos e crear una rede sostible no tempo á que se poidan ir incorporando máis concellos e evitar as duplicidades existentes en modelos anteriores. Con este modelo de xestión acádase un aforro do 55% respecto ao destinado en 2010 á anterior rede de aulas públicas de acceso ás TIC.

Obxectivos

A Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ademais de fomentar o uso das TIC entre a poboación con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, tamén promoverá a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrará ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. A Rede tamén difundirá os servizos da Administración electrónica e a capacitará aos cidadáns para empregalos.

Achegas da Xunta e dos concellos

Segundo se establece nos protocolos de adhesión, os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e ocuparse do seu mantemento.

Ademais, a Xunta abonará aos concellos unha cantidade equivalente ao o 80% do salario do Axente TIC, sendo o municipio o que achegue o 20% restante. Ademais, a Administración autonómica porá á disposición do concello unha Carta de servizos e catálogo de actividades da Rede CeMIT, que inclúe cursos de formación, obradoiros, charlas, e facilitará un plan de formación continua para os axentes TIC, aos que tamén facilitará a infraestrutura tecnolóxica necesaria (portal web, correo electrónico, repositorio de contidos…), que lles permita desenvolver o seu labor e posta en común das súas experiencias.

Os axentes TIC disporán de apoio e asesoramento no seu labor a través dun órgano de coordinación e un equipo de supervisión. O axente TIC ocuparase da promoción do uso das novas tecnoloxías entre a poboación, especialmente entre os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC, programando actividades e estratexias adaptadas.

Público Obxectivo

Os diferentes servizos que se ofrecerán teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres e persoas con discapacidade; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc

Colaboración coa Fegamp

A Rede CeMit ponse en marcha coa vocación de achegar os contidos e os servizos tecnolóxicos en igualdade de oportunidades a todos os galegos. Con este obxectivo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron o pasado mes de abril un acordo para difundir, promocionar e potenciar a Rede, co obxectivo de que os concellos se sumen á iniciativa para que o novo modelo acade o maior ámbito xeográfico, institucional e social posible.

Exit mobile version