Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Ensino critica que Educación gaste 950 mil euros en propaganda mentres recorta prestacións

Nota de prensa
A CIG-Ensino critica o gasto de 950.000 € nunha campaña de propaganda da Consellaría mentres os centros de ensino da Mariña sofren continuos recortes de profesorado e de servizos

A CIG anima ao profesorado da Mariña a reprobar a política educativa da Xunta nas eleccións sindicais do 2 de decembro.

Ribadeo, 29 de novembro de 2010.- A CIG-Ensino da Mariña critica o gasto de case un millón de euros en propaganda da Consellaría de Educación mentres os centros educativos da Mariña están a sufrir como nunca unha política de recortes que leva aparellado unha perda importante na calidade do ensino na comarca.

No DOG do 17 de novembro publicouse unha resolución da Secretaría Xeral de Medios pola cal se anuncia que se van gastar 950.000 € nunha campaña chamada “Servizo para a elaboración da campaña informativa de divulgación dos novos valores do sistema de ensinanza non universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia”, que para a CIG-Ensino da Mariña, en palabras da súa responsable na comarca, Dores Fernández Abel, “este gasto non é máis que unha dilapidación de diñeiro público que debería ser investido en dotar aos centros de ensino de máis e mellores recursos, tanto en materia de profesorado como doutros servizos complementarios”.

Para a CIG-Ensino esta dilapidación de cartos en propaganda da Xunta contrasta cos recortes en materia educativa sufrida polos centros de ensino de toda a Mariña durante este curso escolar, e que supuxo a perda do bacharelato presencial para adultos na nosa comarca, a supresión de varios ciclos formativos, o peche da escola unitaria de Vieiro ou a supresión dunha unidade de Educación Primaria no CEIP Vista Alegre. Estas medidas levaron consigo a perda de máis de vinte postos de traballo na comarca, en parte polo expresado nos puntos anteriores e, en parte, pola non cobertura de vacantes, co consecuente incremento de alumnos por aula, a obriga, cada vez máis común, de impartir materias afíns, e a imposibilidade de impartir determinadas materias. Pola contra, e a pesar de levalo no seu programa, a Consellaría segue sen reducir as rateos por aula, particularmente en infantil, agrupando unidades ou non cubrindo as baixas en tempo e forma mentres non tivo ningún reparo en eliminar o sistema de gratuidade dos libros de texto, tirando ao lixo millóns de euros.

Así mesmo, a Consellaría non se preocupou de dotar de profesorado especialista aos centros da Mariña, como, por exemplo, pasou no IES de Xove, que non conta neste curso con ningún profesor de matemáticas, ou no IES de Foz, cun horario completo de Latín impartido por un profesor doutra materia, ou o caso do CEI San Roque de Viveiro, onde están sen cubrir, desde inicio de curso, dous postos de Educación Infantil. Ao mesmo tempo, o deterioro do ensino e o afán privatizador aplicado pola Xunta tamén se comproba na supresión de servizos públicos complementarios, como sucedeu co servizo de comedor escolar do Ceip de Ourol, este curso atendido por un servizo de catering.

Segundo Dores Fernández Abel, todas estas campañas propagandísticas non poden agochar as verdadeiras intencións da Xunta para o ensino público, que se ven reflectidas –por segundo ano consecutivo- nos orzamentos do 2011 dedicados a educación, cunha reducción dun 6,77% (161 millóns de euros) respecto de 2010, mentres se seguen aumentando os concertos educativos cos centros privados, incluso en niveis non obrigatorios como a infantil ou os ciclos formativos.

O profesorado da Mariña saberá valorar na súa xusta medida a política educativa e lingüística da Consellaría de Educación o próximo día 2 de decembro, día no que se celebran as eleccións sindicais no ensino público non universitario. Animamos, pois, a que todo o profesorado da nosa comarcar reprobe estas políticas contra o ensino público practicadas pola actual Consellaría de Educación apoiando á CIG-Ensino o próximo día 2 de decembro, única maneira de facerlles fronte.

Exit mobile version