Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo ven de poñer en funcionamento un programa de actividades físicas “para garantir a mellora da saúde”

Nota de prensa

O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA UNIDADE DE PROMOCIÓN DO EXERCICIO

* A iniciativa forma parte dun plan piloto elaborado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no que colabora o Concello de Cervo

Cervo, 27 de novembro de 2010.- O Concello de Cervo ven de poñer en funcionamento unha Unidade de Promoción do Exercicio (UPE) neste municipio. Esta iniciativa forma parte dun plan piloto elaborado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co obxecto de fomentar a actividade física entre os galegos e deste xeito loitar contra o sobrepeso e o sedentarismo.

A sede da UPE de Cervo está ubicada na piscina municipal de Lieiro e conta con dous profesionais que serán os encargados de poñer en marcha diversos programas de acción á poboación para garantir a mellora da saúde e da calidade de vida dos veciños a través da promoción e fomento da práctica regular de actividades físicas saudables. Trátase de promover e impulsar a práctica da actividade física de xeito regular e saudable evitando o sedentarismo en todos os colectivos e as idades; e prestando especial atención a sectores da poboación coma escolares, persoas da terceira idade, discapacitados, inmigrantes ou persoas con enfermidades susceptibles de prevención e mellora mediante o exercicio.

A Unidade de Promoción do Exercicio servirá tamén coma punto de referencia co fin de atender e asistir aos cidadáns en materia de práctica regular e adecuada do exercicio físico saudable. Ademais, a medio plazo, está previsto poñer en marcha un punto “Móvete”, consistente nun espazo para dirixir sesións de actividade física saudable preferentemente enfocada a adultos e maiores sedentarios. Tamén se prevé crear un servizo de atención e asistencia á poboación con sobrepeso ou obesidade dirixido especialmente a escolares en coordinación cos centros escolares e de saúde; e porase en marcha un servizo de avaliación e asesoramento a persoas cuxas características requiran unha atención personalizada para a práctica deportiva (enfermos cardiovasculares ou con patoloxías que aconsellen adaptacións específicas do exercicio).

O concelleiro delegado de Deportes, Rubén Fernández, indicou que de momento a iniciativa este proxecto destacou a importancia desta iniciativa posta en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia “porque é unha aposta por traballar para cambiar, en clave de actividade física e de saúde, a nosa sociedade”, dixo Fernández.

“Unha das bases de toda acción política ten que ser a promoción das condicións necesarias para que os cidadáns de calquera idade e condición teñan a posibilidade de practicar actividade física e deporte”, recordou o concelleiro cervense.

Exit mobile version