Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo acordou ceder a recadación de tributos á Deputación e reformar o regulamento de axuda no fogar

Nota de prensa:

Os edís da Corporación cervense reuníronse na tarde de antonte en sesión ordinaria do seu Pleno municipal
CERVO ACORDA REFORMAR O REGULAMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR, CEDER A RECADACIÓN DE TRIBUTOS Á DEPUTACIÓN E IMPULSAR A OBRA DE SANEAMENTO DE ESPIÑERIDO
• O Equipo de Goberno sacou adiante unha moción na que reclama a reforma da Lei de Costas. Búscase dar solución á problemática xurdida pola aplicación dos deslindes na franxa costeira de moitos concellos galegos, incorporar ao texto lexislativo estatal o respecto aos núcleos rurais do litoral e axilizar os trámites para a autorización de pequenas obras de reparación e mantemento

Cervo, 27 de novembro de 2010.- Os edís da Corporación cervense reuníronse na tarde de antonte en sesión ordinaria do seu Pleno municpial. Entre os asuntos a tratar estaba a reforma do regulamento do servizo de axuda no fogar, a autorización para asinar un convenio que permitirá a cesión da recadación de varios tributos municipais á Deputación provincial e o impulso á obra de saneamento en Espiñerido. Tamén foron obxecto de debate varias mocións presentadas polos distintos partidos políticos con representación local.

O Pleno municipal acordou dar o seu visto e prace á reforma do regulamento do Servizo de Axuda no Fogar. Introdúcense unha serie de melloras suxeridas desde a Xunta e polos propios técnicos municipais que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos beneficiarios, isto é, ás persoas maiores e dependentes. Así por exemplo, entre as funcións que aparecen descritas no novo regulamento e que realizarán as auxiliares de axuda a domicilio incorpórase o acompañamento ao beneficiario á consulta do médico de cabeceira ou ao Hospital da Costa, unha práctica que xa se estaba a realizar de xeito puntual e que agora aparece expresamente determinada na nova norma.

CESIÓN DA RECADACIÓN DALGÚNS TRIBUTOS Á DEPUTACIÓN

Tamén acordouse por unanimidade a cesión da recadación de varios tributos municipais á Deputación de Lugo. Así o veñen facendo a inmensa maioría dos concellos da provincia dado que se trata dunha colaboración positiva para ambas administracións. O Concello de Cervo acada deste xeito un aforro considerable no servizo de recadación municipal –sobre todo en carga de traballo- e aforra tamén diversos trámites administrativos. Cervo seguirá xestionando directamente varios tributos, entre eles o IBI de Alcoa, e continuará ofrecendo información, asesoramento e todo tipo de axuda aos seus veciños no servizo municipal de recadación sito na Casa do Concello.

IMPULSO AO SANEAMENTO DE ESPIÑERIDO

O Pleno municipal tamén deu o seu visto e prace para que continúe a liña impulsada polo Goberno local para multiplicar e mellorar a rede de saneamento de augas residuais en todo o municipio. Nesta ocasión os beneficiarios directos serán os veciños de Espiñerido, unha localidade rural próxima a Rio Cobo e á capital municipal. Para impulsar esta nova rede de saneamento o Pleno autorizou a expropiación dos terreos polos que pasará a tubaxe.

O Goberno municipal quixo terciar na polémica xurdida con esta insistindo en que, o Concello de Cervo ten a obriga de defender sempre un ben que consideran público, e nesa liña entendían –ao igual que o 99% dos veciños de Espiñeirido que así o afirmaron por escrito- que o espazo polo que nun primeiro momento tiña previsto pasar a rede de saneamento era un camiño público. Un veciño non opinaba o mesmo e decidiu facer a oportuna reclamación xudicial dos seus intereses. Para desbloquear esta situación, con independencia de cal sexa o parecer xudicial, e que a obra poida executarse con axilidade e sen demora, modificouse o trazado e de aí que se proceda a facer a oportuna expropiación dos terreos. O importante –sinalan desde o Concello de Cervo- é que canto antes os veciños se beneficien do novo saneamento.

CERVO RECLAMA A REFORMA DA LEI DE COSTAS

Ao igual que o Parlamento de Galicia, tamén a Corporación Municipal de Cervo reclama a reforma da Lei de Costas. O voto dos populares serviu para pedir ao Estado que desenvolva as modificacións oportunas para resolver os problemas que están xurdindo coa aplicación desta normativa estatal. Son múltiples os núcleos tradicionais, as pequenas vilas, as aldeas, que temos en Galicia no borde xusto do mar, e que son o reflexo dun modelo tradicional, e dunha forma de vida propia de Galicia. A aplicación dos deslindes na franxa costeira de moitos concellos, ten derivado nunha forte problemática cando se queren acometer pequenas obras de reparación ou mantemento das vivendas. Incorporar estas especificidades galegas á lei e axilizar os trámites para a autorización destas pequenas obras é o que reclama o Concello de Cervo, sempre garantindo o respecto medioambiental para que tamén os nosos fillos e netos poidan gozar da paisaxe litoral.

MOCIÓN DO ÚNICO EDIL DO BNG

Os edís do Grupo de Goberno abstivéronse ante a moción rexistrada polo único concelleiro do BNG, na que pedía incluír nos orzamentos da Xunta –xa elaborados- o dragado do encoro de Rúa, do que se capta a auga para consumo público. O Goberno galego vén efectuando un grande esforzo –acompañado dun investimento millonario- na nova rede de abastecemento conxunto Cervo-Burela e na construción dos depósitos sitos na Senra. Agora o BNG pretende que se execute unha actuación máis que o anterior Goberno bipartito desbotou en 2009 en palabras do propio líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, daquela titular da Consellería de Medio Ambiente. En todo caso, o voto do Equipo de Goberno non foi negativo xa que non renuncian a que esta obra poida facerse, tendo en conta que, como se está a demostrar con feitos, ten que ser un Goberno do PP o que faga realidade aquelo que o bipartito nos pasados catro anos foi incapaz de facer. Curiosamente os nacionalistas non teñen presentando ningunha emenda aos orzamentos da Xunta para 2011 con este sentido, polo que defenden en Santiago cousas distintas a o que aseguran defender en Cervo.

REPARACIÓNS DO TEMPORAL EN MARCHA

Finalmente os votos dos edis de Goberno en Cervo impediron o debate dunha iniciativa que pretendía ser rexistrada de urxencia, e pola que se reclamaba a reparación dos danos provocados polo temporal Becky. Os populares insistiron que como todos os veciños puideron comprobar desde a Xunta de Galicia e desde Portos de Galicia, en coordinación cos servizos municipais de obras e protección civil, deuse unha resposta inmediata e conveniente a situación de emerxencia e se desenvolveron diversas obras para corrixir os danos provocados –moitas das que aínda están en execución-. Non ten sentido pedir como urxente algo que xa se está a efectuar. O Goberno municipal comparou ademais a tardanza do bipartito na reparación da Anxuela –durante meses non foron que de arranxar os danos provocados por un temporal- coa axilidade de resposta dada a día de hoxe pola Xunta popular ante o ciclón Becky.

Exit mobile version