Nota de prensa
AS OBRAS DE MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DAN COMEZO EN RUETA
o Os traballos teñen por obxecto erradicar os problemas de presión que se produción nalgúns puntos deste núcleo
o Esta actuación forma parte dos traballos de actualización e ampliación da rede de abastecemento municipal en varios puntos do termino municipal financiados pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente con 209.767 euros
Cervo, 4 de novembro de 2010.- O Concello de Cervo ven de informar do inicio das obras de mellora da rede de abastecemento de auga do núcleo de Rueta. Esta actuación forma parte dos traballos de actualización e ampliación da rede de abastecemento municipal en varios puntos do termino municipal financiados pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente.
Obras en Rueta
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, os traballos no burgo de Rueta consistirán na prolongación da rede de abastecemento na zona do entorno do vial costeiro que une as localidades de San Ciprián e Burela. Así mesmo, mellorarase a traída actual con novas canalizacións “o que permitirán solucionar o problema de falta de presión do que adoecían as vivendas desta zona” sinalou o rexedor.
Actuacións por valor de 209.767 euros
As obras de mellora da rede de abastecemento de auga do Concello de Cervo foron licitadas o pasado mes de febreiro pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente por un importe de 209.767 euros e teñen por obxecto actuar na mellora de diversos tramos da rede de augas municipal nos núcleos de Cervo, Lieiro, San Ciprián, e de xeito especial nos burgos de Castelo e Rueta.
As actuacións nestes puntos perseguen tres finalidades: Por unha banda, renovar boa parte das canalizacións de abastecemento de augas nas zonas que presentaban maiores problemas de avarías polo paso do tempo; por outra, optimizar a calidade do servizo en puntos onde a rede adoecía de deficiencias; e finalmente, aproveitarase tamén para dotar deste servizo a puntos destes núcleos que ata o momento carecían del.
As obras deron comezo o pasado mes de xullo en varios puntos do núcleo de Lieiro. Así mesmo a empresa concesionaria leva facendo traballos en varios puntos do núcleo de Cervo que compaxinará cos de Rueta. Por último, está previsto que as obras rematen no núcleo de Castelo.