Site icon Crónica3.com A Mariña

As forzas de seguridade terán máis presenza en Ribadeo para localizar os autores dos roubos dos últimos días

Nota de prensa:

AS FORZAS DE SEGURIDADE INCREMENTARÁN A SÚA PRESENZA EN RIBADEO PARA TENTAR LOCALIZAR AOS AUTORES DOS ROUBOS COMETIDOS NOS ÚLTIMOS DÍAS EN VARIAS CASAS DA VILA E DAS PARROQUIAS. ASÍ SE ACORDOU NA XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE CELEBRADA ESTA MAÑÁ.
Ribadeo, 23 de novembro de 2010. As forzas de seguridade incrementarán a súa presencia en Ribadeo para tentar localizar aos autores dos roubos cometidos nos últimos días en varias casas da vila e das parroquias. Así se acordou na xunta local de seguridade celebrada esta mañá. O alcalde pedíulles máis vixianza para volver dar seguridade á cidadanía e o subdelegado do Goberno asegurou que houbo unha deriva funcional cara esta zona, pero que non hai motivo para a preocupación.
Fernando Suárez explicou na xunta local de seguridade “a preocupación cidadá que se está a dar en Ribadeo tras os roubos en casas que se produciron nos últimos días tanto no casco urbano como nas parroquias. Fíxenlles chegar dita preocupación ás forzas e corpos de seguridade do Estado e pedinlles que extremen as medidas de protección e de vixianza para volver dar seguridade a toda a cidadanía”.
O rexedor fixo unha chamada á colaboración dos veciños e veciñas de Ribadeo “para que poñan en coñecemento da Policía Local ou da Garda Civil calquera feito que lles pareza estrano e que levante as súas sospeitas. Non queremos converter isto nun estado policial, pero calquera dato que poidan aportar pode ser imporante para dar co autor ou autores destes feitos”.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, sinalou que “Lugo é unha provincia tranquila e esta zona tamén e catro feitos puntuais causan aquí maior impacto que noutros lugares”. Portomeñe subliñou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado traballan coordinadas e comparten datos e cara esta zona producíuse unha deriva funcional. Isto quere dicir que se destinan maiores recursos, que hai unha dotación de especialistas de apoio e que as unidades traballan perfectamente coordinadas entre sí”. O subdelegado tamén dixo que “a colaboración cidadá é fundamental” e engadiu que “non hai motivo para a preocupación”.

Exit mobile version