Nota de prensa
O CONCELLO DE CERVO CONSTRÚE UN LOCAL SOCIAL PARA O BURGO DA SENRA A TRAVÉS DOS ALUMNOS DO OBRADOIRO “TERRAS DE AZUL COBALTO”
* O novo local estará destinado á organización de eventos e reunións dos veciños
* As obras contan cun orzamento de 37.264 euros financiados polo Concello
Cervo, 16 de novembro de 2010.- Os alumnos do módulo de albanelería do obradoiro de emprego “Terras de Azul Cobalto” do Concello de Cervo están acometendo a construción do Centro Social do núcleo da Senra.
O rexedor local, Alfonso Villares, sinalou que as obras marchan a bo ritmo. “Os responsables do proxecto me indicaron que se as obras continúan deste xeito é moi probable que estean rematadas a mediados do vindeiro mes de febreiro, moito antes da data prevista” asegurou.
O alcalde cervense recordou que a materialización deste Centro Social da Senra foi un compromiso adquirido por el mesmo e polos seus compañeiros do Goberno local cos habitantes deste núcleo de poboación. Tamén salientou que a súa construción se faga a través do Obradoiro de Emprego “porque deste xeito, ademais de formar e reinsertar no mercado de traballo aos alumnos que participan nel, tamén poderemos poñer en pé unha infraestrutura pública que redundará en beneficio do conxunto dos cervenses e máis concretamente nos habitantes deste burgo” indicou Villares.
Obradoiro
O Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto” comezou a funcionar o pasado 1 de xullo. Nel participan un total de 27 alumnos distribuídos en tres módulos formativos: Albanelería, Medio Ambiente/Xardinería e Atención Socio-Sanitaria. Conta cun orzamento de 651.741 euros financiados pola Consellería de Traballo. O seu obxectivo é preparar aos alumnos para que poidan incorporarse de forma estable ao mercado laboral una vez remate o ano da súa duración.