Nota de prensa
O CAMPAÑAZO DO BINGO DE ACIA FOZ REPARTIRÁ 1.200 EUROS EN PREMIOS AO LONGO DESTE MES DE NOVEMBRO. O PRIMEIRO SORTEO CELÉBRASE MAÑÁ DÍA 5 ÁS 23 HORAS.
Foz, 4 de novembro de 2010. Mañá da comezo en Foz O campañazo do bingo que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e que repartirá 1.200 euros en premios ao longo do mes de novembro. Un total de 80 establecementos comerciais e hostaleiros reparten de xeito gratuito os cartóns do bingo. Os sorteos terán lugar os días 5, 12, 19 e 26 de novembro a partires das 23 horas e serán retransmitidos por Radio Foz.
O premio para cada sorteo será de 300 euros en vales de compra. O gañador recibirá un talonario con 15 cheques de 20 euros cada un para gastar nos establecementos comerciais que participan na campaña antes do 31 de decembro. Para O campañazo do bingo póñense en xogo 25.000 cartóns (6.250 por sorteo), que irán diferenciados por semanas a través dunha serie que aparece a carón do número do boleto.
As persoas que participen no sorteo, segundo se especifica nas bases, terán que seguir a extracción das bolas desde calquera dos establecementos de hostelería participantes e unha vez que canten bingo terán que poñerse en contacto co titular ou responsable do local onde se atopen e será esa persoa a que chamará a Radio Foz para comprobar a autenticidade do cartón gañador e así paralizar a seguinte extracción de bolas.
ACIA Foz organiza O campañazo do bingo coa colaboración do Concello, a Dirección Xeral de Comercio, a Federación de Comercio de Lugo e Caixanova.