Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta require a pais e nais con nenos na gardería de Ribadeo que xustifiquen que traballan en Nadal

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ DENUNCIA QUE A XUNTA ESTÁ A ENVIAR REQUERIMENTOS AOS PAIS E NAIS DOS NENOS DA GARDERÍA PARA QUE XUSTIFIQUEN QUE TRABALLAN DURANTE O NADAL E ASÍ TER DEREITO A LEVALOS AO CENTRO NESAS DATAS. O REXEDOR DI QUE A MEDIDA É ILEGAL E PIDE A INMEDIATA RECTIFICACIÓN DE TRABALLO E BENESTAR.

Ribadeo, 12 de novembro de 2010. O alcalde de Ribadeo denuncia que a Xunta está a enviar requerimentos aos pais e nais dos nenos da gardería co fin de que xustifiquen que traballan durante o nadal para así ter dereito a levar aos meniños ao centro nesas datas. Fernando Suárez di que isto nunca pasou en Ribadeo e pide a inmediata rectificación da conselleira de Traballo e Benestar.

O rexedor aludiu “ao aluvión de queixas que me están a chegar dos pais e nais dos nenos que van á escola infantil de Ribadeo, que é titularidade da Xunta. Nunca tal pasou na nosa vila e confío en que recapaciten sobre o que están a facer”. Suárez Barcia explicou que “desde a Xunta se están a enviar unha serie de requerimentos aos pais para que presenten xustificantes de traballo, de que eles seguen a traballar durante o nadal para teren dereito a continuar levando os nenos á gardería durante esas datas”.

O alcalde considera que “se trata de algo ilegal, iso non o contempla a orde de 11 de marzo de 2010 que regula o acceso ás escolas infantís. Aí dise que ten que haber un mínimo de 15 nenos de 0 a 3 anos para que se poidan manter abertos en períodos especiais estes centros e aquí estánlles a dicir que ten que haber un mínimo do 25% e esas contas para nada son así. E o que é máis grave, os pais e nais teñen que pagar a mensualidade enteira e aínda encima lles están a dicir que senon hai un mínimo de xente van pechar a escola durante o nadal”.

Suárez Barcia engadiu que “todo o mundo sabe que a situación económica non é boa, pero non é de recibo que nun servizo tan importante de conciliación da vida laboral e familiar saian con este tipo de supostos recortes, supoño que será para aforrar luz ou calefacción porque a nómina das traballadoras terán que pagala igual. Non nos parece adecuado”.

O rexedor ribadense manifestou que “xa está ben que teñen paralizada a nova escola infantil de 0 a 3 anos. Hai poucos días que o responsable na materia tiña na cabeza facer esta obra, pero díxome que tiña poucos cartos e que entón quedaba aprazada. Xa está ben, porque hai dous anos que o Concello cedeu os terreos para facer esta nova escola infantil. E agora é inaudito que os pais e nais que teñen a sorte de levar aos nenos a esta gardería teñan que buscar xustificación para algo que na orde reguladora non está contemplado. Paréceme indignante e esixo unha rectificación inmediata á titular da Consellería de Traballo de Benestar porque esto nunca pasou en Ribadeo”.

Exit mobile version