Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e AGESTIC achegan competencias dixitais aos empresarios do polígono de Foz

Nota de prensa:
A XUNTA E AGESTIC ACHEGAN AS CLAVES DO NEGOCIO DIXITAL AOS EMPRESARIOS DE CINCO POLÍGONOS INDUSTRIAIS DA PROVINCIA

* A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou a importancia de “estimular unha cultura da innovación” e facer ver ás pequenas e medianas empresas que as novas tecnoloxías resultan “imprescindibles para ser competitivos”

Lugo, 9 de novembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo presidente da Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic), José María López Bourio, presentou hoxe a campaña Difundetic Pemes, que se desenvolverá en 20 polígonos industriais de Galicia, entre eles os de Foz, Begonte, Meira, Chantada e Sarria.

A actividade, que chegará a máis de 100 empresarios lucenses, baséase nun servizo móbil de demostración tecnolóxica, no que un técnico consultor impartirá coñecementos básicos sobre o DNI electrónico, a factura electrónica e a firma dixital, para qué serven na súa xestión empresarial e, en consecuencia, coma poden rendibilizar un proceso de cambio nas súas tarefas diarias.

É un servizo móbil de cercanía, baixo o concepto de “cara a cara”, evitando desprazamentos dos participantes. Está habilitado para traballar con grupos reducidos (ata 8 persoas), e equipado con ordenadores.

A delegada territorial sinalou a importancia de “estimular unha cultura da innovación e facer ver ás Pemes que as novas tecnoloxías da información e da comunicación, o software e as aplicacións de xestión, responden xa a un concepto de servizo esencial e resultan imprescindibles para ser competitivos”.

Arias afirmou que esta campaña redundará “na mellora dos niveis de penetración dos modernos modelos de xestión nas pequenas e medianas empresas”, que tradicionalmente teñen máis complicado o acceso ás novas vías de comunicación ao contar con poucos medios “ou estar alonxadas dos lugares onde se imparten con maior facilidade programas formativos”.

Este programa enmárcase dentro das liñas de actuación da Secretaría Xeral de Modernización para impulsar a difusión da sociedade da información. Neste sentido, Arias lembrou que este organismo financia con preto de 1 millón de euros (970.727 euros) varios proxectos orientados a fomentar o emprego das TIC.

Sen dúbida o proxecto máis ambicioso é o Plan de Banda Larga de Galicia, para o que se destinan só en Lugo arredor de 13 millóns de euros nos orzamentos do 2011, e que comezou a despregarse precisamente pola Ribeira Sacra.

A día de hoxe, segundo lembrou a delegada, Retegal xa ten realizado as labores de construción e adecuación das 17 torres que porá a disposición do operador beneficiario e está realizando o despregamento da rede de fibra óptica na provincia de Lugo.

Estímase que a finais de novembro se inicie a comercialización en 9 concellos do sur de Lugo, o que suporá que xa máis 21.000 habitantes poidan acceder a finais de novembro a un servizo de banda larga de calidade. E antes da fin de 2010, posibilitarase o acceso á banda larga a través de redes sen fíos a máis de 34.000 habitantes de 1.800 núcleos de poboación do sur de Lugo.

Exit mobile version