Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza a Deputación a reconstruír a ponte de Arante pero aposta por substitúa por unha nova

Nota de prensa

A Xunta autoriza as actuacións da Deputación de Lugo para reconstruír a Ponte de Arante, en Ribadeo

Dende o Goberno galego apóstase porque a ponte actual sexa substituída por unha nova que cumpra cos requisitos establecidos no actual Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e as directrices da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

Santiago, 3 de novembro de 2010.
– Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio reuníronse esta mañá e acordaron autorizar á Deputación Provincial de Lugo as obras da ponte de Arante, en Ribadeo, que foi seriamente danada nas pasadas enchentes de xuño deste ano.

Nesta xuntanza concluíuse que a mellor solución é que a ponte actual, dados os serios danos estruturais sufridos, sexa substituída por unha nova que cumpra cos requisitos establecidos no actual Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e respecte as directrices da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Esta solución é a reflectida na resolución de autorización de Augas de Galicia para a reposición da ponte, na que se establecía a necesidade de salvar o río mediante unha ponte dun só van que permita mellorar a súa capacidade hidráulica, e dese modo cumprir co disposto no Plan Hidrolóxico vixente.

A Deputación Provincial de Lugo deberá redactar un novo proxecto que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Este novo proxecto terá que axustarse ás condicións marcadas pola Resolución de Augas de Galicia e cumprir coas cuestións relativas á harmonización da nova construción co entorno no que se ubica, tendo en conta que sobre el discorre o Camiño de Santiago do Norte e que está no contorno dunha igrexa catalogada.

Cómpre precisar que dende a Xefatura do Servizo Territorial de Augas de Galicia en Lugo se puxeron en contacto co xefe de Vías e Obras da Deputación para transmitirlle as conclusións da reunión, co obxecto de que, á maior brevidade posible, puidérase redactar o proxecto definitivo acorde cos requisitos esixidos polos dous departamentos implicados. Asemade, a finais de esta semana haberá outra reunión entre Augas de Galicia e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para concretar os seguintes pasos.

Exit mobile version