Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade poñerá autobuses para ir a manifestación a Compostela

Nota de prensa

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña presentou a campaña na Mariña de sos-sanidadepublica

A presenza de moitos mariñaos e mariñás o día 21 en Compostela e necesaria e está xustificada polo constante deterioro do servizo público sanitario na comarca

Curiosamente dende a chegada de Insua á dirección do Hospital da Costa mentres o servizo público se deteriora non para de medrar a clínicas privadas

A Mariña, 4 de novembro de 2010. Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña presentaron hoxe en Viveiro a campaña da manifestación convocada por sos-sanidadepublica para o día 21 de novembro en Compostela en defensa do sistema sanitario público galego. A plataforma mariñá integrada por colectivos sociais, culturais, asociacións de doentes, sindicatos e partidos políticos forma parte de sos-sanidadepublica  que aglutina a plataformas sociais de diferentes comarcas do país preocupadas polo deterioro que se está producindo na sanidade pública galega.

A Plataforma anunciou que se poñerán a disposición autobuses para acudir á manifestación de Compostela o día 21 de novembro.

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña anunciou que dende a comarca sairán autobuses para acudir á manifestación convocada para o día 21 de novembro en Compostela para o que puxo a disposicón tres teléfonos de contacto para anotarse, o 982561001, o 982581861 e o 982129261, unha vez se coñezan as reservas organizaranse as rutas para facilitar a viaxe a todas as persoas que queiran acudir. Dende a plataforma aclararon “que imos garantir que ningunha persoa quede na comarca se ten interese en asistir e defender a calidade da asistencia sanitaria”.

A Plataforma insiste en que a cidadanía galega ten que poñer freo as políticas de deterioro e privatización da sanidade pública en Galiza.

Dende a Plataforma mariñá, chamaron á participación da cidadanía na manifestación xa que “non hai outro xeito de facer ver ao goberno da Xunta que este non e o camiño para garantir unha asistencia sanitaria de calidade e igualitaria que precisamos”. Dende a plataforma puxeron como exemplo das políticas regresivas en materia sanitaria tomadas pola Consellaría de Sanidade co argumento de que a crise sanitaria obriga a reducir gastos e buscar apoio no sector privado:

1.- Redución do orzamentos sanitario, especialmente en capítulos de investimento coa rebaixa do 30% do gasto e redución do gasto corrente para garantir o funcinamento do sistema.

2.- Dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión de novas infraestruturas sanitarias recorrendo á colaboración público-privada.

As consecuencias destas medidas afectaron xa dun xeito importante ao sistema como exemplo puxeron os retrasos na apertura do novo hospital de Lugo que leva xa tempo rematado, o encarecemento entre tres e cinco veces a construción do novo hospital de Pontevedra, o inicio do desmantelamento das actuais áreas sanitarias, entre outras a da Mariña e a rebaixa de investimento nos orzamentos 2011. A parálise do Plan Mellora na asistencia primaria que impide capacidade e calidade resolutiva nos centros actualmente existentes.  O Peche de dos servizos de radioloxía de urxencia nos hospitais comarcais e o seu traslado a un so centro. O desvío constante de pacientes a centros privados, etc…

A situación da Mariña e insostible cun xerente do Hospital da Costa que actúa como un comisario político sen defender os intereses sanitarios da comarca.

Os membros da Plataforma cualificaron de desastrosa a situación do servizo sanitario na comarca, cun hospital da costa que lonxe de mellorar vai perdendo capacidade de resolución e servizos, que está á cabeza do país nas listas de espera e que perde servizos e facultativos mentres medran as clínicas privadas na comarca. Na mesma liña a plataforma valorou como decepcionantes os orzamentos autonómicos que reducen substancialmente o investimento para o exercizo 2011 e onde non figura nin o Plan Director nin a ampliación do hospital contradicindo compromisos electorais existentes. Igualmente, dende a plataforma, volveron reclamar á Xunta de Galiza a posta en marcha do Plan Mellora para a asistencia primaria que o PP paralizou coa súa entrada no goberno e permitiría a cobertura de 24 prazas de profesionais sanitarios nos centros de saúde da comarca. Dende a plataforma ademais cualificaron de “letal para a calidade asistencial na comarca” o novo Decreto de Organización do Sistema Sanitario Galego que “previsiblemente non se empece a aplicar nas provincias de Lugo e Ourense ate despois das próximas eleccións municipais pola presión social exercida tanto no Barco de Valdeorras como en Monforte e A Mariña”, aínda que xa deu mostras dos seus efectos na provincia da Coruña.

Exit mobile version