NOTA DE PRENSA
A Mariña, 25 de novembro de 2010. Diante das informacións publicadas hoxe nos medios de comunicación sobre retribucións de diferentes consultas “peonadas”, feitas no Hospital da Costa por varias especialidades médicas, primando economicamente a consulta que non xere novas probas complementarias, é dicir, primando a alta médica, esta Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, manifesta a súa fonda preocupación por este tipo de prácticas “que de ser certas esixirían a inmediata dimisión da xerencia do Hospital da Costa”.
Esixencia de explicacións da xerencia do Hospital da Costa e do SERGAS
Dende a Plataforma “esiximos unha aclaración exhaustiva tanto da Xerencia do Hospital da Costa como da Dirección do SERGAS” tendo en conta que, de ser certas as informacións referidas, os e as doentes da comarca deberemos confiar na boa profesionalidade e cumprimento do deber dos especialistas para unha atención sanitaria fiábel, mais non na xerencia do Hospital da Costa nin tampouco na dirección do SERGAS que promoven este tipo de “prácticas barriobaixeiras para reducir pola porta de atrás as listas de espera a costa da saúde dos usuarios e usuarias do servizo.”
A Plataforma agarda que esta non sexa a resposta ás elevadas listas de espera do Hospital da Costa.
Dende a Plataforma agardamos que “esta non sexa a resposta” da Xerencia do Hospital da Costa á nosa insistencia no deterioro e falta de resolución que padece o Hospital, que segundo datos do propio SERGAS, figura a cabeza das listas de espera en moitas especialidades e non nega a derivación de doentes tanto para probas diagnósticas como para operacións a outras unidades de referencia e a centros privados. Para a Plataforma “esta e unha proba mais do deterioro intencionado do servizo sanitario público” que está a perpetrar o actual goberno galego do que só saen beneficiados algúns en detrimento do conxunto da sociedade.
Plataforma en Defensa da Sanidade Publica da Mariña