Site icon Crónica3.com A Mariña

A oposición non apoiou a proposta do alcalde de Ribadeo que pide a urxente reparación da ponte de Arante

Nota de Prensa

O PLENO APROBOU INICIALMENTE A ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS EN ZONA ORA. AGORA ÁBRESE UN PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS.

Ribadeo, 16 de novembro de 2010. Cos votos a favor de BNG e PSOE e cos votos en contra de PP e UPRI quedou aprobada inicialmente a ordenanza reguladora da taxa por estacionamento de vehículos en zona ORA.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “un dos puntos importantes que debatimos nese pleno, que se prolongou ata as doce da noite, foi dita ordenanza que plantexa cambiar o sistema de zona ORA nas inmediacións da praza de abastos para que o funcionamento sexa a través de máquinas expendedoras de tickets, cun prezo que oscilará entre os 20 céntimos por media hora a 1 euro por dúas horas”.

O rexedor dixo que “para o goberno municipal a idea que se implantou hai tres anos funciona razonablemente ben si non entramos en detalles. Si o facemos sí que vemos que tiña fallos de moi difícil resolución, pola tarde era difícil que o Concello estivese aberto para subministrar os discos e hai unha serie de problemas que se resolven lóxicamente cunhas máquinas expendedoras como hai en tantas vilas e cidades con tickect. Propuxéronse unhas tarifas, collendo modelos doutros concellos, razonablemente máis baixos e ao mesmo tempo plantéxase a ampliación desta zona ORA para o treito da rúa José Vicente Pérez Martínez, fronte da propia praza de abastos”.

Suárez Barcia lembrou que “toda a oposición durante un ano estivo criticando que moitos turistas que viñan non podían aparcar aí porque non tiñan maneira de coller os discos e agora vemos con desacougo como parte desa oposición cando ten que mollarse e dar a súa opinión desmárcanse dicindo que non. Agora despois desta aprobación inicial haberá un prazo de alegacións para que os interesados en presentalas o fagan en tempo e forma”.

O alcalde subliñou que tanto “a Asociación de Comerciantes como multitude de propietarios dos comercios do entorno desde hai moito tempo me veñen indicando que aínda que foi un paso adiante o tema dos discos e que debíamos era ir a unha serie de máquinas con tickets e confío en que sigan a opinar o mesmo que levan meses indicándome”. Fernando Suárez apuntou que “o sistema de tickets será moito máis riguroso e favorecerá a rotación dos aparcamentos que é o que se persigue, cremos que esta iniciativa mellorará e o diñeiro que se recaude irá destiñado para compensar os custes das máquinas e o seu mantemento. Da vixianza e do control desa zona ORA de pago encargarase a Policía Local de Ribadeo”.

Convenio con ACISA

Por unanimidade foi aprobado o convenio de colaboración entre o Concello de Ribadeo e ACISA para a dinamización comercial da vila durantes os anos 2011 a 2013. O alcalde dixo que “recibo con satisfacción este apoio unánime de todos os grupos a este convenio marco. Esta iniciativa ven dada porque na vila de Ribadeo o sector económico principal é o do comercio e dado que no seu momento houbo un convenio que durou tres anos e que neste 2010 se esgotaba consideramos necesario voltar a facer outro”.

Suárez Barcia manifestou que “o Concello comprométese a consignar nos respectivos presupostos de cada ano 12.000 euros para levar a cabo actuacións consensuadas entre o Concello e a directiva de ACISA de cara a dinamizar o comercio. E que con esas campañas e iniciativas se fortaleza aínda máis o referente que xa é Ribadeo e que esta situación de crise se poida atenuar con estas iniciativas que conxuntamente queremos levar adiante”.

Ponte de Arante

Non saiu adiante a proposta da alcaldía para reclamar diante da Xunta e da Deputación a urxente reparación da ponte de Arante. O rexedor comentou que “nós queríamos pedir que actuasen con sentidiño, que se puxeran de acordo e que executasen as obras de xeito inminente antes de que remate o ano”. Fernando Suárez considera que “aquí vese claramente como todos os partidos da oposición para nada estiveron á altura das circunstancias antepoñendo os intereses partidarios máis mesquiños ao que é a realidade e a necesidade que teñen os veciños da Ponte, dos Bestilleiros, de Arante, de varias parroquias de Trabada que teñen que dar grandes rodeos, polo que non viña mal facer un pronunciamento claro, solemne, institucional desde o Concello para que Xunta e Deputación deixaran de enredar, de mandarse mensaxes a través dos medios de comunicación, deixaran todo iso a un lado e se preocuparan un pouquiño máis polos veciños”.

O alcalde engadiu que “como era unha proposta da alcaldía, o PSOE defendeu os criterios que lle chivaron por teléfono desde a Deputación e desde o PP tamén polos momentos que ten o xefe territorial de Patrimonio e de Cultura e o que lle chivaron desde a Xunta tamén antepuxeron os seus argumentos para non votar a favor deste pronunciamento. Tamén é destacable o caso do señor Rivas que preferiu mirar cara outro lado e non apoiar esta iniciativa que non saiu adiante coa abstención duns e cos votos en contra doutros. Todos sumaron máis que o equipo de goberno e o Concello de Ribadeo non vai instar formalmente á Xunta e á Deputación para que por favor se poñan de acordo para axilizar a construcción da ponte porque a nosa oposición, que é maioritaria ao goberno municipal actual, non estivo á altura das circunstancias”.

Taxas

Cos votos a favor de PP e BNG, os votos en contra do PSOE e a abstención de UPRI aprobóuse a modificación das taxas da auga, do saneamento, do lixo, da piscina municipal e do vertedoiro de escombros que subirán o 1’1% no 2011. Fernando Suárez explicou que “este goberno municipal dada a situación actual de crise decidimos non propoñer subas de ningún tipo de imposto ou taxa excepto naquelas nas que as concesionarias nos piden, para evitar que exista desequilibrio financiero, as subas do IPC e nalgúns casos como o da piscina nos pedían un incremento maior. O que propuxemos e que saiu adiante foi aplicar o IPC acumulado interanual dos dous últimos anos, o do pasado que é o menos 1% e o deste ao que é o 2’1%, polo tanto a suba destas taxas queda no 1’1% e no apartado do vertedoiro modificamos a ordenanza de tal maneira que a partires de agora todas aquelas persoas que teñen que tirar pequenas cantidades e que ata momento pagaban como si tirasen unha tonelada agora desde 100 kilos pagarán proporcionalmente ao peso do escombro que tiren”.

O alcalde considera que “si os impostos non van subindo acorde co que sube o IPC cando toque voltar a incrementalos a suba será moito maior, polo tanto flaco favor se lles fai ás familias e moita demagoxia vin no pleno porque estamos a cinco meses dunhas eleccións municipais”.

Exit mobile version