Site icon Crónica3.com A Mariña

A mostra “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!” trouxo un recital concerto ao museo do Mar en San Cibrao

NOTA DE PRENSA

CASAHAMLET INTERPRETOU UN RECITAL-CONCERTO NO MUSEO DO MAR, DENTRO DAS ACTIVIDADES QUE COMPLEMENTAN A MOSTRA “ROSALÍA, SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!”

Antonio Veiga asistiu tanto ao acto de hoxe como á inauguración da mostra, o pasado martes día 2, e permanecerá en San Cibrao ata o 15 de novembro

Tamén se presentará, no marco das actividades complementarias á exposición, a presentación do libro de Pilar García Negro, “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”, o martes 9

CERVO, 04 de novembro de 2010. O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentoou hoxe o recital-concerto a cargo de Casahamlet que se celebrou no marco das actividades complementarias da exposición “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!”. Esta mostra permanece no Museo do Mar de San Cibrao dende o pasado martes día 2 e ata o vindeiro día 15. O recital desta tarde xa se interpretara con grande éxito entre os lucenses mentres a exposición se mostrou no Museo de Lugo, o pasado mes de outubro. “Ao raso coas lebres. Versos de Rosalía de Castro”, a cargo da Compañía Casahamlet, tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola conciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións.

Co gallo do 125 aniversario da escritora, dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, chegou a Lugo e posteriormente a San Cibrao a mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!”. A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra de Rosalía de Castro, e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea. Está conformada por vinte paneis con gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra da escritora, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais que permiten que o público interactúe cos seus distintos elementos. Ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. O primeiro dos audiovisuais que acompañan a mostra leva o mesmo título que a exposición e condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é “Ignotus”, unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.

Exit mobile version