Site icon Crónica3.com A Mariña

O temporal deixa en Burela un mariñeiro morto e danos en praias e paseos marítimos

Nota de prensa:
UN MARIÑEIRO XUBILADO FALECÍA ESTA MAÑÁ NO PORTO DE BURELA. O TEMPORAL CAUSOU TAMÉN IMPORTANTES DANOS NO PASEO MARÍTIMO DA MAROSA E NO CANTIÑO.

Burela, 9 de novembro de 2010. Un mariñeiro xubilado falecía esta mañá no porto de Burela. Ésta é unha das consecuencias do forte temporal que lle está afectar a esta zona e que tamén deixou danos de consideración no paseo marítimo da Marosa, no Cantiño e no espigón do porto.

O alcalde, Alfredo Llano, lamentou “o ocorrido a un ex mariñeiro que se chama José Ramiro Fernández Fernández, máis coñecido como Supermán, así lle chamaban de xeito cariñoso os veciños de Burela. Este home era propietario dun bote pequeniño, estaba aquí no porto porque lle debeu parecer que no sitio no que se atopaba atracado podería ter perigo, tentou cambialo de lugar e non sabemos moi ben cómo acabou caendo ao mar e faleceu”. O rexedor sinalou que “a virulencia do mar esta noite foi impresionante, a oleaxe chegou a lugares aos que nunca antes se tiña aproximado, pero o peor foi esta desgracia. José Ramiro era unha home xubilado de constitución forte que traballou no mar toda a súa vida”.

O xuiz procedeu ao levantamento do cadáver entorno ás 13.20 horas do mediodía. O corpo de José Ramiro Fernández, segundo confirmou o alcalde, foi trasladado a Lugo, onde lle practicarán a autopsia nas vindeiras horas.

O temporal deixou cuantiosos danos materiais en Burela, “temos unha grande parte do paseo marítimo da Marosa destrozado, afectado… as pedras grandes que cubrían a parede do litoral levóunas por diante como si fosen papel. Na praia da Marosa estábase a facer unha rampa de baixada e levóulles dous tubos de grandes dimensións, incluso arrastrou as duchas e quedamos prácticamente sen area”. Llano seguiu a relatar que “no porto os barcos de pesca non sofriron desfeitas importantes, ninguén saiu ao mar e no espigón detectamos varias grietas. Agora teremos que analizar de qué xeito lles poden afectar e na zona do Cantiño nos accesos tirou a parede de protección, o pasamanos e todo”.

Exit mobile version