Nota de prensa
O deputado popular pide aos nacionalistas que deixen de enganar aos veciños e lembra que as alegacións ao POL rexistradas polos concellos, incluso co apoio dos grupos municipais do PP teñen por obxecto mellorar e enriquecer o documento final.
BALSEIRO EMPRAZA AOS NACIONALISTAS A QUE DEIXEN DE ACTUAR COMO FALSOS EXPERTOS URBANÍSTICOS CANDO NIN TAN SEQUERA SON CAPACES DE ENTENDER O QUE LITERALMENTE ESTABLECE A NORMATIVA DO POL
* O artigo 93 da futura normativa establece de xeito tallante que o POL non deixa a ningunha vivenda fóra de ordenación.
Santiago, 15 de novembro de 2010.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de replicar no día de hoxe as críticas efectuadas polo BNG formación política que rexeita o novo Plan de Ordenación do Litoral (POL). Segundo explicou o parlamentario popular os nacionalistas seguen a insistir nunha afirmación absolutamente falsa, pois aseguran faltando á verdade que co POL habería núcleos rurais e vivendas que quedarían fóra de ordenación.
Balseiro empraza ao BNG a deixar de enganar aos veciños e, sobre todo, a depoñer a súa actitude de facerse pasar por falsos expertos urbanísticos, cando nin tan sequera son capaces de comprender unha simple lectura da nova normativa. O deputado popular insiste que na súa literalidade, e para evitar precisamente que ningunha vivenda ou núcleo actual quede fóra de ordenación, incluíuse un artigo na normativa do POL, o número 93, que literalmente di: <<As edificacións e usos legalmente implantados antes da entrada en vigor do presente Plan poderán seguir desenvolvendo a súa actividade con independencia da súa conformidade co Plan de ordenación do litoral. Será o planeamento urbanístico o que estableza, mediante as ordenanzas correspondentes, os parámetros e condicións para a súa reforma, ampliación ou cambio de uso, se é o caso, coas especialidades establecidas para as áreas de recualificación>>
O parlamentario popular acompaña na súa resposta copia do devandito artigo ao mesmo tempo que insiste que as alegacións ao POL rexistradas nos distintos concellos, en moitos casos co apoio dos grupos municipais do PP, non teñen por obxecto rexeitar o plan senón melloralo. Propoñer modificacións do seu contido que enriquezan o futuro texto, que enriquezan o documento final.