Nota de prensa
NOTA DE PRENSA
A Fundación TIC difundirá o labor de 12 asociacións deportivas coa participación de bolseiros da EIS
-O Presidente da Fundación asina acordos con representantes de 12 asociacións de deportes minoritarios “para contribuír á inserción laboral dos alumnos, a nosa máxima prioridade, e promocionar o deporte base”
– Gómez Besteiro anunciou que “este ano incrementamos, con respecto a 2009, en máis dun 300% os convenios de colaboración con asociacións sen ánimo de lucro e empresas TIC da provincia.
O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e representantes de 12 asociacións deportivas da provincia asinaron este martes os convenios de colaboración para difundir as súas actividades a través de produtos audiovisuais nos que participarán bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS).
Gómez Besteiro apuntou que “con estes acordos acadamos varios obxectivos: os alumnos da Escola adquieren a experiencia necesaria para acceder ó mercado laboral; promocionamos deportes minoritarios que teñen menos recursos para darse a coñecer; e divulgamos o importante labor que están a realizar estas organizacións en prol do deporte base”. Pola súa banda, Dolores Iglesias, representante da Agrupación Deportiva A Pinguela salientou que “como portavoz dos colectivos participantes, hoxe todos podemos dicir que estamos moi agradecidos ó traballo que realiza a Fundación TIC”.
O titular provincial anunciou ademais que “ó remate deste ano teremos incrementado en máis dun 300% os convenios con asociacións sen ánimo de lucro e empresas TIC con respecto ó 2009”. O ano pasado a Fundación tiña asinados 11 convenios, ós que agora se suman estes 12, e nas vindeiras semanas acadanrase un total de 34. “Todos os convenios inclúen a participación de bolseiros da EIS para que complementen a súa formación e tomen contacto co mundo laboral, xa que eles son a nosa máxima prioridade”, apuntou Gómez Besteiro.
A TIC, útil á provincia
O Presidente destacou que “demostramos con feitos que a Fundación TIC, ó mesmo que a Deputación, é útil á sociedade lucense, e o acto de hoxe é un bo exemplo delo”. As novas asociacións coas que colaborará a Fundación son: Escudería Miño, Agrupación Deportiva A Pinguela, Agrupación Deportiva Fefeme Triatlón, Club Cidade de Lugo Fluvial, Club Tenis de Mesa Dez Portas, Club Deportivo Arco Muralla, Club Natación Portamiñá, Club Patíns Lóstregos Lucus, Club San Fernando Lucus Caixa Rural Galega, Club Ciclista Cidade de Lugo, Sociedade Deportiva Cultural Polvorín e Club Emevé.
A TIC xa está a colaborar con 11 asociacións sen ánimo de lucro: Asociación Down Lugo, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Asociación “Raiolas”, Fundación UNICEF, Asociación Lucense de Xordos (ALUSOR), Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais (FEAFES), Asociación San Vicente de Paul, ANADE, ASPNAIS, Preescolar na Casa e Fundación Azkar para facer máis visible a súa función mediante espazos de divulgación elaborados en diferentes soportes audiovisuais.
Participantes na sinatura
No acto de sinatura, ademais de Gómez Besteiro e Dolores Iglesias, tamén participaron: Carlos Iñiguez, Escudería Miño; José Ángel Fernández, Agrupación Deportiva Fefeme Triatlón; Anabel Saulo, Club Deportivo Arco Muralla; Antonio Pérez Montecelo, Club Deportivo Cidade de Lugo Fluvial; Norman Javier Veiga, Club Tenis de Mesa Dez Portas de Lugo; Francisco Bouza, Club Emevé; María del Carmen Télez, Sociedade Deportiva Cultural Polovorín; Juan Paz, Club Ciclista Cidade de Lugo; José Manuel Traseira, Club San Fernando Lucus Caixa Rural Galega; Fernando Timbraos, Club Natación Portamiñá; e Carlos Ouro, Club Patíns Lóstregos.
Matrícula gratuíta
A Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia que imparte ensinazas da familia audiovisual, ten a matrícula gratuíta desde hai tres anos. Este esforzo económico da Fundación TIC, que se manterá o vindeiro curso segundo anunciou o Presidente, reflíctese nunha elevada demanda. Para o exercicio 2010-2011 cubríronse, por terceiro ano consecutivo, todas as prazas nos dous ciclos que se imparten,-Realización e Produción-, ó tempo que segue a incrementarse o número de solicitantes.