Nota de prensa
INMERECIDA DERROTA DAS RIBADENSES ANTE O FC MEIGAS (2-3)
Coma en ocasións anteriores, sobroulles ás ribadenses a primeira parte. A falta de concentración nos minutos iniciais permitiulles ás visitantes levar os 3 puntos a Ames. No minuto 1, xa perdían as mariñás (0-1) e aínda que Marta igualou o marcador ao minuto seguinte, aínda non se cumprira o terceiro cando de novo se adiantou o FC Meigas. O xerro de auga fría chegou para as locais no último minuto antes do descanso, cando encaixaron o 1-3.
Na continuación, non parecía o Panificadora-Ribadeo FS o mesmo equipo da primeira metade. A presión sobre os seus rivais pechaba a estas nos 9 metros e só conseguían chegar á portería ribadense en contadas ocasións, coa aparición acertada de Carla. Unha e outra vez, os paus en dúas ocasións, falta de acerto a porta baleira e as boas intervencións da porteira visitante, Andreína, privaron as ribadenses dun resultado máis xusto.
Martínez decidiu utilizar a María como porteira-xogadora a falta de cinco minutos. Foron momentos de pleno dominio local con numerosas ocasións que non frutificaban. Tan só Elvira no minuto 38 conseguiu acurtar distancias e subir ao marcador o 2-3, sen tempo para máis.
Próxima xornada. As mariñás mediranse ao CD Riazor FS o domingo 28 (12.00 horas) no pavillón Sagrada Familia da Coruña.
Ficha técnica
Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Marta (1), Sabela, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Eva, Elvira (1), Sofía, Arancha, Iria, Yoli e Carla.
FC Meigas: Andreína, Lidia, Xaira (1), Clara (2) e Katy, cinco inicial; tamén xogaron Marta, Sonia e Estefanía.
Árbitros: Andrés Saa Ramos e Luís Menéndez Nistal (anotador), da delegación de Lugo.
Provincial masculina. O Ribadeo FS métese terceiro ao vencer a domicilio por 2-3 ao difícil Taboada. O próximo fin de semana recibirá o pechacancelas, Industrial Recense da Pontenova, no municipal de Ribadeo.
Provincial feminina. O Xoula-Ribadeo FS perdeu por 2-1 na Pastoriza e recibirá o Donapel Monterroso o vindeiro sábado, ás 17.00 horas, na Mariña.