Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola de Música e Danza de Ribadeo celebra o concerto de santa Cilla e amosará repulsa á violencia

Nota de prensa

A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E DANZA DE RIBADEO CELEBRA SANTA CILLA CUN CONCERTO MAÑÁ MÉRCORES. A EMMeD TAMÉN AMOSARÁ A SÚA REPULSA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA.

Ribadeo, 23 de novembro de 2010. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra mañá mércores, ás 20 horas no claustro da Casa do Mar (planta baixa), o seu tradicional concerto na honra de Santa Cilla, patrona dos músicos.

Polo escenario pasarán arredor de medio cento de alumnas e alumnos da Escola que interpretarán ritmos que van dende Mozart ou Tchaikovsky ata Lennon, Morricone, McCartney ou a música tradicional galega. Agrupacións de metal, de piano, de frautas, clarinetes, percusión ou unha formación tradicional, entre outros, dan forma ao programa deste concerto, aberto ao público e gratuíto.

Esta actuación  é a previa do gran festival de Nadal que a Escola celebrará  o vindeiro 18 de decembro, sábado, a partir das seis da tarde, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo e no que participarán as case 300 alumnas e alumnos que ten o centro.

Non á violencia machista

Ademáis da música tamén haberá ocasión para mostrar a repulsa da comunidade

educativa da EMMeD de Ribadeo contra a violencia de machista. Ao día seguinte do concerto, o 25 de novembro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. No seu camiño por formar persoas alén de músicos, a EMMeD de Ribadeo lerá un manifesto en contra da violencia que se exerce sobre as mulleres e as alumnas e alumnos, así como todas aquelas persoas que o desexen, lucirán nas súas lapelas un lazo violeta para mostrar o seu máis enérxico rexeitamento a esta lacra social que ten como vítimas principais ás mulleres pero onde non se pode esquecer o sufrimento dos fillos.

Exit mobile version