A DEPUTACIÓN DE LUGO DESTINA 90.000 EUROS A REALIZAR ACTIVIDADES CULTURAIS NOS CENTROS VECIÑAIS DE RIOTORTO
O alcalde de Riotorto, Federico Gómez, asinou este convenio, que achegará aos veciños e veciñas do concello a posibilidade de coñecer mellor o noso país e a nosa historia
RIOTORTO, 29 de novembro de 2010. Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, acompañou ao alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez, na sinatura do convenio polo cal a Área de Cultura da Deputación colaborará con este concello aportando 90.000 euros para a realización dun programa anual de actividades, que se desenvolverán nos centros veciñais de Riotorto. Estes centros foran recuperados polo goberno do concello, e están distribuídos polas parroquias do municipio.
Como explicou Antonio Veiga, esta iniciativa “fará que os veciños e veciñas coñezan mellor o noso país e a nosa historia, a través de actividades culturais, educativas e lúdicas”. Manifestou que “se dará vida a todas esas parroquias onde se están mellorando os centros veciñais por medio de actividades para todos os públicos”. Antonio Veiga explicou que “deste xeito, ofreceranse actividades culturais como poden ser Coñece Galiza ou Viaxa por Galiza, ou exposicións e obradoiros de recuperación da memoria histórica tradicional”.
Desenvolveranse dentro deste programa actividades como recuperación e práctica de xogos tradicionais da zona e galegos, actividades específicas de avellentamento activo para persoas maiores, etc. Todo este programa, segundo explicou Veiga, “ten como finalidade ofrecer alternativas culturais e de lecer á poboación dun concello pequeno como é Riotorto, que doutro xeito carecería de todas estas posibilidades, aproveitando para elo os Centros Veciñais que se rehabilitaron nas parroquias”.