Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación chama a inscribirse no programa “Burela co seu comercio” para mellorar o sector

Nota de prensa:

Últimos días para inscribirse en Burela co seu comercio, o 1º programa personalizado e gratuíto para a mellora do sector

– Os comerciantes burelenses poden solicitar unha praza ata o 10 de novembro chamando ó 982-22-78-12 ou enviando os seus datos a burelacomercio@deputacionlugo.org

– O luns, ás 20:30 horas, celebrarase unha xornada informativa aberta ó publico no Salón de Conferencias de Burela, na antiga Biblioteca

– A Deputación aforra ós 20 participantes neste iniciativa 80.000 euros ó facerse cargo dos custes das 250 horas de asesoramento individual e da elaboración dun plan estratéxico específico para cada empresa que oferta este programa

A Deputación pecha o prazo de inscrición de Burela co seu comercio, o primeiro programa personalizado e gratuíto, posto en marcha na provincia para a mellora deste sector, o vindeiro mércores, 10 de novembro. Ata entón, os comerciantes burelenses poden solicitar unha praza chamando ó 982-22-78-12 ou enviando un correo electrónico ó enderezo burelacomercio@deputacionlugo.org.

O Alcalde de Burela, Alfredo Llano, o coordinador do programa, Nemesio Galán, xuntos a membros da Cámara de Comercio e da CEL, manterán un encontro con todos os interesados en participar no programa este luns, 8 de novembro, ás 20:30 horas, no Salón de Conferencias de Burela, na antiga Biblioteca. Na reunión, abordarase polo miúdo esta iniciativa coa que o organismo provincial aforra 80.000 euros ós seus 20 participantes, o custe segundo o mercado das 250 horas de asesoramento individual e de prácticas, así como da elaboración dun plan estratéxico específico para cada empresa que ofrece Burela co seu comercio.

Deste xeito, durante 6 semanas, expertos económicos visitarán in situ cada establecemento para, en primeiro lugar estudar a situación da empresa, e logo determinar as oportunidades de negocio, as negociacións con proveedores e institucións financieiras, o contorno xurídico laboral e fiscal, as actividades de merchandising, así como a xestión de stocks.

Todas as sesións serán sempre personalizadas e individuais, polo que cada participante poderá coñecer o seu plan de operacións; organizar os recursos humanos; abordar a contabilidade do seu negocio, o uso das novas tecnoloxías, o trato ó cliente; establecer estratexias defensivas, ofensivas ou de cooperación; e ata deseñar posibles proxectos de expansión ou remodelación comercial.

Compromiso coa Mariña

Burela co seu negocio é a segunda programación que a Deputación leva a Mariña en apoio ó tecido empresarial logo da celebración en Viveiro dunha xornada sobre a difícil situación familiar que logrou manter 20 postos de emprego. Esta iniciativa engádese ademais, ás pioneiras axudas ós autónomos en España, coas que o organismo provincial subvencionou, só na Comarca mariñana, os gastos correntes de máis de 250 traballadores, moitos deles comerciantes.

Exit mobile version