Nota de prensa
A Deputación adxudica nunha semana obras en 8 Concellos por valor de 3,5 millóns de euros
– Gato Soengas subliña que “isto contrasta coa sequía inversora do plan de austeridade do señor Feijóo. Nós estamos facendo investimentos importantes en todos os municipios da provincia, pola contra a Xunta non se sabe que existe”
– Tal e como prometeu o Presidente, adxudicáronse catro novas actuacións dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública que ascenden a máis de 1 millón de euros
– A Xunta de Goberno aprobou a contratación da actualización da EIEL deste ano, que contén información sobre os 3.700 núcleos poboacionais de todos os Concellos de menos de 50.000 habitantes, e 50 bloques de información
– A Enquisa ten un custe cero para as entidades locais, e supón a instrumento básico de análise e valoración das necesidades municipais
A Deputación aprobou nunha semana a adxudicación de 12 obras por valor de 3,5 millóns de euros. Estas actuacións afectan a un total de 8 municipios: Viveiro, Foz, Mondoñedo e Alfoz. Portomarín, Láncara, O Corgo e Burela. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “isto contrasta coa sequía inversora do plan de austeridade do señor Feijóo. A Deputación, en todas as Xuntas de Goberno, está facendo investimentos importantes en todos os Concellos da provincia, pola contra a Xunta non se sabe que existe”. A este respecto, destacou que “eu dixen no Pleno anterior que o goberno de Feijóo é o máis malo de Galicia de todos cantos tivo, dende que a autonomía está funcionando. Agora o PP fala de endebedamento, pero o que está claro é que hai que facer obras e prestar servizos como estamos a facer nós, o que, sen dúbida, costa diñeiro. Que pasaría nos municipios dende hai tres anos se non fose polo financiamento da Deputación e pola cooperación que está a levar a cabo?. A sequía sería de tal magnitude que as empresas de obra pública non poderían prestar unha serie de servizos que son necesarios”.
Gato Soengas explicou que un exemplo deste esforzo inversor é que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación provisional de catro novas actuacións do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros. Suman un total de 1.095.564 euros e son as seguintes: acondicionamento de 1,8 quilómetros da estrada provincial que vai da Pobra de San Xillao a Carracedo, en Láncara (288.000 euros); saneamento de Arxemil, no Corgo, por valor de 236.066 euros; mellora de 4,200 quilómetros da CP 4902 que vai de Alto Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, en Portomarín. Neste caso, o importe é de 571.500 euros. As dúas primeiras teñen un prazo de execución de tres meses e, a última, de seis.
Asimesmo, fóra da Orde do Día e pola vía de urxencia, deuse o visto e prace á contratación das obras de mellora dun treito da antiga N-642 ó seu paso por Burela. Trátase dunha vía municipal cortada na Ponte de Perdouro, concretamente no punto quilométrico 44,750, dende o mes de xaneiro. Nesta data, o desbordamento do río dos Matos provocou graves danos no vial. O Concello burelés púxose en contacto coa Xunta, responsable da canle, para arranxala e restablecer o tráfico, pero o goberno autonómico, a día de hoxe, segue sen dar unha resposta.
“Ante esta situación, o Presidente da Deputación decidiu asumir estes traballos, tal e como anunciou o venres pasado en Burela, que supoñen un aforro de 75.580 euros ás arcas municipais”.
Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais
A Xunta de Goberno tamén aprobou por valor de 42.526 euros a contratación do servizo para a actualización da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da provincia deste ano. O documento contén información sobre os 3.700 núcleos poboacionais da provincia correspondentes a todos os Concellos de menos de 50.000 habitantes, e 50 bloques de información. Antonio Gato destacou que se trata dun instrumento básico de análise e valoración das necesidades de dotacións locais para efectos de cooperación cos Concellos, elaborado segundo o método común para as Deputacións provinciais do Ministerio de Política Territorial.
O primeiro convenio entre o organismo provincial e a Universidade de Santiago de Compostela para a execución da Enquisa data do ano 2.000. “Dende 2008 este documento presentámolo á sociedade para que todo o mundo teña acceso a ela”.
Este instrumento, que se pode consultar na web da Deputación, supón un custe cero para os municipios. Hai que ter en conta que nestes momentos moitas das entidades locais non terían capacidade financieira para acometer un proxecto destas características. “É dicir, poñemos a disposición de todos os Alcaldes e Alcaldesas un instrumento útil que poderán empregar en beneficio dos respectivos Concellos”.
A EIL ofrece ortofotos (mapas fotográficos elaborados con fotografías aéreas e bases de datos das principais entidades da provincia). A información divídese en: infraestruturas (estradas de titularidade local, provincial e autonómica, abastecemento e saneamento de auga, recollida e eliminación de residuos orgánicos, ou alumeado público); equipamentos (instalacións deportivas, centros culturais, educativos e sanitarios, establecementos hosteleiros, etc); poboamentos por cada entidade de poboación; información demográfica; planeamento urbanístico; padróns, número de vivendas ou situación da banda longa na provincia.
Na súa posta en marcha colaboraron uns 30 profesionais, entre eles traballadores da Deputación e expertos da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, com este documento, a institución provincial axústase á directiva INSPIRE que obriga ás administracións a ofrecer esta información de ámbito territorial.
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace a 10 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman un total de 114.156 euros dos que a Deputación subvenciona 79.457. Pertencen ós Concellos de Triacastela (3), Vilalba (3), Xove (2), Lugo e Pol.