Nota de prensa
A Deputación crea 5 empresas na provincia
e 15 empregos no rural co asesoramento de Lug02
– Gómez Besteiro mantivo un encontro con socios de Ecoleite, a 1º sociedade cooperativa de leite ecolóxico de España que naceu ó amparo de Lug02, e que xa asume o 50% da produción total en Galicia
– O organismo provincial xestionou proxectos de emprendedores lucenses que impulsan ó sector agrogandeiro, un asesoramento completo que lles aforrou 35.000 euros
O organismo provincial, logo de organizar unha xornada informativa para dar conta desta actuación, mantivo encontros cos interesados para avaliar os seus proxectos, e estudar a súa viabilidade técnica e económica. Finalmente, realizou os plans de negocio, e xestionou os trámites fiscais, laborais, e xurídicos necesarios para a constitución de 5 empresas, o máximo preestablecido no programa europeo. A Deputación asumiu todos os custes dos servizos de asesoramento e seguimento prestados dende o principio e ata a final do proceso de formación das entidades. Deste xeito, grazas ós fondos da Unión Europea que a institución provincial soubo captar para desenvolver Lug02, a Deputación logrou aforrar 35.000 euros, -o prezo segundo o mercado destas actuacións-, ós emprendedores lucenses.
As empresas creadas son as seguintes: Dynamics Foods Systems, sociedade limitada en Begonte que presta servizos relacionados coas novas tecnoloxías ós sectores agrario e alimentario; Alitraz S.L (Lugo), centrada no desenvolvemento de aplicacións informáticas para o mundo agroalimentario; Iberiam Sciencia S.L (Lugo), baseada na investigación, soporte, servizo e asesoría ó sector apícola; Terras de Burón S.L (A Fonsagrada), centrada na elaboración e distribución de produtos de caza; e Ecoleite, sociedade cooperativa de leite ecolóxica con domicilio fiscal en Friol.
1º cooperativa de leite ecolóxica en España
O titular provincial mantivo un encontro con socios de Ecoleite, a primeira cooperativa de leite ecolóxica que existe en España, e que naceu ó amparo de Lug02. É unha entidade que busca mellorar a situación das explotacións lácteas ecolóxicas galegas facendo de intermediaria no proceso negociador coas industrias do prezo do leite, mellorando as vías de comercialización, e incorporando as novas tecnoloxías nas explotacións. Comezou a desenvolver a súa actividade a finais do mes de outubro e, malia que na actualidade segue a sumar socios, conta con gandeiros de Palas de Rei, Friol, Pastoriza, Xermade, Monterroso, así como dos Concellos coruñeses de Mesía e Ortigueira. O Presidente salientou que “Ecoleite asume xa a produción de 8 explotacións que xeran uns 4 millóns de litros de leite ecolóxica, o 50% da produción total en Galicia”.
Lugo é a provincia galega que concentra o maior número deste tipo de produtores que segue a aumentar debido os problemas co prezo do leite en relación cos custes de produción, e decatándose pola alternativa de ofrecer un importante valor añadido ós consumidores: leite de auténtica calidade; feito que repercute na súa economía. Os gandeiros de leite ecolóxica gañan un 30% máis. Por este motivo, Ecoleite, a pesares de traballar a nivel galego, centra na provincia lucense a súa actividade, onde situará un almacén de recollida de leite garantindo deste xeito, a creación e o mantemento de centos de postos de traballo directos e indirectos en Lugo. Logo, distribuirá o produto por toda España e Portugal.