Nota de Prensa
O cumprimento das débedas históricas permite o adelgazamento do Presuposto 2011 ata os 100 M€
– Gómez Besteiro destacou que só o traspaso dos hospitais provinciais ó SERGAS supón unha reducción de 20 millóns: “é un adelgazamento buscado e desexado. De nada serviría que os cartos entrasen por unha porta e saísen por outra ó tratarse dunha competencia impropia”
– O organismo provincial aprobará o Presuposto en novembro, un mes antes, pola situación económica dos municipios e aumentará a partida de cooperación
– É o primeiro Orzamento con estabilidade presupostaria, cumprindo o Plan Económico-Financieiro creado en 2008
– O Presidente reclama á Xunta medidas supramunicipais contra o despoboamento, vinculadas ó “Pacto polo Campo”, á banda longa no rural, á colaboración no Centro de Recría, e ó apoio para a xestión das 10 residencias e centros de día que construirá o organismo provincial
– Besteiro reivindica a utilidade das Deputacións e anuncia o apoio ó Pacto Antitransfuguismo da FEGAMP para garantir a transparencia nos entes provinciais
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este luns na Comisión de Economía e Facenda do Parlamento de Galicia que o cumprimento das débedas históricas permite o adelgazamento do Presuposto consolidado de 2011 ata os 100 millóns de euros. Isto débese a que só a transferencia dos hospitais provinciais á Xunta supón unha reducción de 20 millóns de euros, e un aforro do 33% no capítulo de gastos de persoal. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “foi un adelgazamento buscado e desexado pola Deputación. De nada serviría que os cartos entrasen por unha porta e saísen por outra ó tratarse dunha competencia impropia”, apuntou Besteiro.
Deste xeito, a principal reducción, que se produce no da propia Deputación, máis que nos seus entes autónomos, cífrase en 32 millóns, é dicir, de 118 en 2010 pasará a 86 en 2011. No caso do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), a reducción é de 3,5 millóns, de 14 a 10,5, porque as anualidades para programas europeos de administración electrónica e creación de emprego están en execución. A Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) pasa de 24 a 12 millóns, porque este ano xa ten a dotación económica para o innovador programa de residencias e centros de día para a terceira idade que o organismo provincial construirá nunha decena de municipios.
Esta é a cuarta ocasión que o titular provincial comparece na Cámara galega para informar sobre as principais liñas dos Orzamentos, que organismo provincial aprobará no Pleno de novembro, un mes antes do previsto debido á situación económica dos Concellos. Son os primeiros que acadan a estabilidade presupostaria na súa aprobación e dan cumprimento ó Plan Económico-Financieiro creado en 2008. Gómez Besteiro subliñou que, malia os recortes que están a sufrir todas as administracións, a institución que preside non só manterá ó máximo o nivel de prestación de servizos, senón que aumentará a cooperación con todos os Concellos da provincia.
“Son os Orzamentos do cumprimento. Hai redución de partidas porque, con xestión, demos carpetazo ás débedas históricas que xa non lastran unha enorme porcentaxe dos nosos presupostos. Pasaron á historia. Mentres que a Xunta baixa un 21% ás transferencias ós Concellos, tal e como denunciou a FEGAMP, podemos afirmar, con feitos, que estamos cumprindo o programa de goberno que asinamos socialistas e nacionalistas hai pouco máis de tres anos”. A este repecto, indicou que a de Lugo é a Deputación galega que máis inviste en deporte e a terceira das peninsulares que máis fondos destina a esta área en termos de habitante e ano. Asimesmo, o organismo provincial destina máis de 600.000 euros a asociacións lucenses para a organización das súas actividades, proxectos e eventos culturais, tras recibir un total de 598 solicitudes en 2010; cifra que triplica os 200.000 euros que a Xunta destinou ás asociación culturais de todo o país.
Outras partidas que se verán reducidas no Presuposto do vindeiro ano son: o Parque Móbil, a través do que se aforraron 500.000 euros coa progresiva renovación para atender coa súa maquinaria as necesidades dos Concellos; a redacción de proxectos de obra, que agora son realizados polos técnicos provinciais, o que supón 800.000 euros de aforro para as arcas provinciais; a de expropiacións que, coas obras feitas, aforraranse 1,7 millóns de euros. Asimesmo, quedan a cero as partidas da Fundación TOR e do Boletín Oficial da Provincia. No Capítulo 2, Gasto Corrente, o Orzamento baixa preto de 3 millóns de euros, de 17 a 14 e, na área de Órganos de Goberno, diminúen todos os capítulos, debido, fundamentalmente, á reducción do 5% nas retribucións, incluídas as de políticos.
Con respecto á débeda, o máximo mandatario provincial precisou que “esta será moito menor. En 2010 precisamos 25 millóns de euros, este ano imos a 5 millóns de euros, menos do nivel máximo do 75% que prevé o borrador da Lei de Presupostos do Estado. Cumprimos a estabilidade orzamentaria. Ademais, por primeiro ano, endebedámonos menos do que imos amortizar, xa que as débedas históricas están cumpridas”.
Tres grandes retos para 2011
Baixo a premisa de que “podemos mirar á xente e dicirlle que cumprimos, pero tamén que nos conformamos”, o Presidente explicou que para a posta en marcha dos novos retos para o vindeiro ano seguíronse as directrices do primeiro Plan Estratéxico da provincia de Lugo, cuxo exemplar lle entregou ós voceiros de todos os grupos políticos da Cámara Alta. Os tres grandes retos serán:
Frear o despoboamento demográfico. O Presidente subliñou que “o rural é a nosa alternativa de futuro. Galicia é “ECO-LÓXICA”, porque por Economía e por Lóxica ten que facer dun medio ambiente privilexiado e do ecolóxico a súa oportunidade económica”. Tendo en conta que Lugo perderá en dez anos máis de 20.000 habitantes, reclamou á Xunta de Galicia políticas supramunicipais contra o despoboamento, vinculadas ó “Pacto polo Campo”, á banda longa no rural, á colaboración no Centro de Recría, e ó apoio para a xestión das 10 residencias e centros de día que construirá o organismo provincial. Asimesmo, defendeu a creación dun Índice corrector aplicable tanto na administración central como na autonómica para unha loita realista contra saldo demográfico negativo.
A creación de emprego. A Deputación é a única de Galicia que está executando este ano un Plan Extraordinario de Obra Pública por 60 millóns de euros. En 2011 concluirase o Pacto Provincial polo Emprego, que busca a inserción laboral de 500 persoas nas profesións con máis futuro da provincia e previamente identificadas. Tamén se estreará o primeiro centro de Innovación Social en Galicia adicado ó benestar social. Baixo o nome de “In Lugo”, é un centro experimental no que se probarán produtos e servizos para o benestar social antes de que saian ó mercardo. Este “laboratorio cidadán” é un nicho de emprego dos máis importantes da provincia que ademais aforra cartos ás empresas e emprendedores.
A cooperación cos concellos a través do traballo en rede e a economía de escala. O remate das débedas históricas permite que se incrementen outras partidas: o programa para Concellos de menos de 5.000 habitantes pasa de 800.000 a 1.072.500 euros, case 300.000 euros máis; para obras de comunidades veciñais mantense a mesma cantidade: 2.300.000 euros; para os parques de bombeiros destinaranse 2,5 millóns de euros; ou 500.000 euros para o Plan Urban.
Utilidade das Deputacións e apoio ó pacto antitransfuguismo
Durante a súa comparecencia no Parlamento, o máximo mandatario defendeu a utilidade das Deputacións. “A nosa función capital é amosar pola vía dos feitos que somos os garantes do nivel mínimo de prestación de servizos municipais en todo o territorio provincial, consolidando o labor dos gobernos locais e sorteando a desigualdade de recursos, ingresos e medios técnicos entre uns concellos e outros. Unha tarefa útil e imprescindible se un coñece a situación real da inmensa maioría dos municipios galegos, ou mellor dito, o minifundismo municipal, no máis amplo dos sentidos”.
Neste senso, apuntou que na actualidade “unha Deputación moderna como a de Lugo transforma os recursos que recibe para multiplicalos en redes de servizos, con valor engadido e mediante economía de escala, ós seus Concellos e veciños. Estamos abertos a toda canta reforma do réxime local nos permita multiplicar utilidade e eficiencia. Tamén a Deputación de Lugo está aberta a apoiar á FEGAMP na consecución do Pacto Antitransfuguismo Galego que, froito do consenso de todos os partidos, deixe de poñer sobre as Deputacións un interrogante na súa ética política”.
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN NO PARLAMENTO
– Á sombra do galopante recorte do gasto público que TODOS, repito TODOS, afrontamos para cumprir co compromiso europeo de acelerar a redución do déficit, elévanse voces que poñen no punto de mira a propia razón de ser das Deputacións. Estas afirmacións amosan, ó meu modo de entender, un grande descoñecemento.
Xa non porque sexamos “fillas lexítimas” da Constitución –como din os Catedráticos de Dereito Administrativo-, senón porque segue existindo un grande descoñecemento sobre o papel que desempeñamos os gobernos locais intermedios –QUE NON MERAMENTE INTERMEDIARIOS- no Estado Autonómico. Ademais, estas voces críticas non propugnan no fondo a súa supresión, senón a súa fragmentación en entes de menor tamaño, co inevitable incremento do gasto público.
A nosa función capital é amosar pola vía dos feitos que somos os garantes do nivel mínimo de prestación de servizos municipais en todo o territorio provincial, consolidando o labor dos gobernos locais e sorteando a desigualdade de recursos, ingresos e medios técnicos entre uns concellos e outros… Unha tarefa útil e imprescindible se un coñece a situación real da inmensa maioría dos concellos galegos, ou mellor dito, “O MINIFUNDISMO MUNICIPAL” no máis amplo dos sentidos.
Hoxe unha Deputación moderna como a de Lugo transforma os recursos que recibe para multiplicalos en redes de servizos, con valor engadido e mediante economía de escala, ós seus concellos e veciños.
Dito esto, non é menos certo que esta Deputación ESTÁ ABERTA A TODA CANTA REFORMA DO RÉXIME LOCAL nos permita multiplicar utilidade e eficiencia. Non temos medo ós cambios. Queremos reiventarnos para dar novas respostas.
Tamén a Deputación de Lugo está aberta a apoiar á FEGAMP na consecución do Pacto Anti-transfuguismo Galego que, froito do consenso de TODOS os partidos, deixe de poñer sobre as Deputacións un interrogante na súa ética política.
– E con este ánimo de renovación e transparencia, participo hoxe na “Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos”, á que foron tan amables de convidarnos, para informar das liñas estratéxicas do Orzamento 2011 da Deputación de Lugo.
Retomando a reivindicación inicial, E SEMPRE FACENDO AUTOCRÍTICA, só se valora o que se coñece, e as Deputacións temos que aplicarnos para que os cidadáns “crucen a nosa porta” e para que o Parlamento Autonómico teña un mellor coñecemento do noso traballo.
————————————
Estamos ultimando o Orzamento consolidado da Deputación de Lugo, que se aproximará ós cen millóns de euros. Debido á situación económica municipal, ADIÁNTOLLES QUE IMOS MANTER O MÁXIMO NIVEL POSIBLE DE PRESTACIÓN DE SERVIZOS E NON RECORTAREMOS NIN UN SÓ EURO A COOPERACIÓN COS CONCELLOS, AUMENTARÉMOLA, e podo anunciarlles que fixemos os deberes para aprobar o Orzamento canto antes, en novembro, adiantando un mes a data tradicional.
¿Cómo son os Orzamentos da Deputación de Lugo…?
– SON OS ORZAMENTOS DO CUMPRIMENTO. Hai redución de partidas porque, con xestión, demos carpetazo ás débedas históricas que xa non lastran unha enorme porcentaxe dos nosos presupostos. Pasaron á historia. Podemos afirmar, con feitos, que está cumprido o programa de goberno que asinamos socialistas e nacionalistas hai pouco máis de tres anos.
– SON OS PRIMEIROS ORZAMENTOS QUE ACADAN A ESTABILIDADE PRESUPOSTARIA NA SÚA APROBACIÓN. Adiantándonos á situación económica, no 2008 fomos a 1ª Deputación galega que aprobou un Plan Económico-Financeiro que permitise acadar a estabilidade no 2011. Hoxe é así: cumprimos a nosa palabra.
O ano anterior o Orzamento consolidado da Deputación sumaba 143 millóns de euros, este ano serán preto de 100. A principal diminución está no Orzamento da propia Deputación, máis que nos seus entes autónomos.
O orzamento da Deputación redúcese en 32 millóns, de 118 a 86. SÓ A TRANSFERENCIA DOS HOSPITAIS PROVINCIAIS Á XUNTA DE GALICIA, SÓ O CUMPRIMENTO DESTA ANACRÓNICA DÉBEDA HISTÓRICA –PENSEN QUE LUGO ERA ATA O 2010 A ÚNICA DEPUTACIÓN ESPAÑOLA SEN TRANSFERIR OS HOSPITAIS-, SUPÓN UNHA REBAIXA PRÓXIMA ÓS 20 MILLÓNS. Foi un adelgazamento buscado e desexado pola Deputación. De nada servía que os cartos entrasen por unha porta e saísen por outra ó tratarse dunha competencia impropia.
O Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES) baixa 3,5 millóns, de 14 a 10,5, porque as anualidades para programas europeos de administración electrónica e creación de emprego están a pleno rendemento, polo tanto a anualidade que resta para o 2011 é moito menor.
A Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) baixa de 24 a 12 millóns, porque este ano xa ten a dotación económica para o innovador programa de residencias e centros de día para a 3ª idade que explicarei despois.
Ademais destas baixadas, OUTRAS PARTIDAS QUE REXISTRAN REDUCIÓN SON:
-o Parque Móbil, no que aforramos este ano 500.000 euros trala progresiva renovación para atender coa súa maquinaria as necesidades dos Concellos;
-a redacción de proxectos de obra realizámolo agora a través dos técnicos provinciais e non de empresas externas, o que nos aforrou 800.000 euros este ano;
-en expropiacións de terreos para obras: éramos a Deputación que máis expropiaba en Galicia porque o anterior equipo de goberno planificaba obras sen terreos. Agora, coas obras feitas, imos aforrar 1.700.000 euros nesta partida… E poderiamos aforrar aínda máis se a Xunta de Galicia desbloquease a transferencia de estradas provinciais. A Deputación custea a rede provincial máis extensa de España, a pesar de que hoxe moitas estradas non son obxectivamente da nosa competencia. Só a conservación de estradas cústanos 10 millóns de euros/ano;
-queda a cero a partida da polémica Fundación TOR. Solicitamos a súa extinción á Xunta despois de descubrir gravísimas irregularidades, aforrando 107.000 euros no Orzamento;
-o Boletín Oficial da Provincia, grazas ó noso programa de administración electrónica, deixará de editarse o vindeiro ano en papel e pasará a dixital, o que nos permite aforrar 400.000 euros;
No Capítulo 2, Gasto Corrente, baixamos preto de 3 millóns de euros, de 17 a 14.
Na área de Órganos de Goberno, baixamos todos os capítulos, debido fundamentalmente á redución do 5% nas retribucións, incluídas as de políticos.
No apartado de gastos de persoal, TRALA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, A DE LUGO ERA A QUE TIÑA QUE DESTINAR UNHA MAIOR PARTIDA. COA TRANSFERENCIA DOS HOSPITAIS, LUGO ABANDONA ESE POSTO, aforrando preto de 10 millóns de euros, o que supón un 33% menos en gastos de Persoal.
Sen abandoar o capítulo de Persoal, fai hoxe exactamente unha semana que os traballadores da Deputación de Lugo teñen que fichar cun sistema dactilar. Isto só é unha anécdota da profunda transformación dos Recursos Humanos que estamos levando a cabo e que continuaremos no 2011.
O contexto económico esixe compromisos solidarios a todos, tamén ós empregados públicos. Estamos implantando a “carreira administrativa horizontal” -que evita postos innecesarios e simplifica a organización interna-, creando os denominados “postos de entrada”. É dicir, rebaixamos o nivel retributivo inicial pero articulando itinerarios de progresión que permitan ós empregados acceder a niveis superiores sen cambiar de posto de traballo e sempre en función da súa formación, avaliación e rendemento, en definitiva: do seu esforzo profesional.
A Deputación aprobou esta medida no Pleno de setembro, o que supón unha racionalización do gasto a medio-longo prazo e permite desenvolver a carreira profesional horizontal, motivadora para evitar o anquilosamento profesional e a apatía dos empregados públicos. No 2011 continuarán os progresos en Recursos Humanos, froito do diálogo sindical e o consenso conseguido neste mandato.
Con respecto á débeda, NO 2011 ENDEBEDÁMONOS MENOS. No 2010 precisamos 25 millóns de euros, este ano imos a 5 millóns de euros, menos do nivel máximo do 75% que prevé o borrador da Lei de Presupostos do Estado. E, repito, cumprimos a estabilidade orzamentaria. Ademais, por primeiro ano, endebebámonos menos do que imos amortizar, xa que as débedas históricas están cumpridas.
Non vexan nas miñas verbas autocomplacencia, pero PODEMOS MIRAR A XENTE E DICIRLLE QUE CUMPRIMOS, PERO TAMÉN QUE NON NOS CONFORMAMOS. Seguindo as directrices do primeiro Plan Estratéxico da provincia de Lugo –cuxo exemplar actualizado lle entregarei hoxe ós voceiros de todos os grupos políticos-, reorientamos o Orzamento 2011 cara OS NOVOS RETOS DUNHA PROVINCIA DO SÉCULO 21, A PESAR DE QUE RECORTES TÉMOLOS TODOS, NON SÓ OS QUE SE AMPARAN BAIXO UNHA FALSA AUSTERIDADE. Son tres retos:
1. FREAR O DESPOBOAMENTO DEMOGRÁFICO, que está vinculado a un “Pacto polo Campo” que nos incumbe a todas as administración, ó benestar social e tamén á implantación da administración electrónica e da banda ancha;
2. A CREACIÓN DE EMPREGO;
3. A COOPERACIÓN COS CONCELLOS a través do traballo en rede e economía de escala porque temos unha máxima: “xuntos aforramos máis”.
Paso a explicarlles as partidas correspondentes…
1º RETO.- Frear o despoboamento demográfico: O rural non pode ser contemplado como o retiro profesional, como o lugar onde ir a fin de semana a encher o maleteiro de patacas… O rural é a nosa alternativa de futuro. Galicia é “ECO-LÓXICA”, porque por Economía e por Lóxica ten que facer dun medio ambiente privilexiado e do ecolóxico a súa oportunidade económica. A mocidade, a máis formada da historia, recurre a calquer cousa menos ós recursos naturais. Lugo perderá en dez anos máis de 20.000 habitantes. Reclamo á Xunta de Galicia un “Pacto polo Campo”, é dicir: políticas supramunicipais que freen o despoboamento demográfico e potencien o rural, e defendo a creación dun Índice corrector aplicable tanto na Administración central coma na autonómica para unha loita realista contra o despoboamento.
A Xunta atopará na Deputación de Lugo un aliado a favor do rural. Xa temos tres programas cuantificados no noso Orzamento 2011:
-Investiremos 12 millóns de euros para construír un mapa de 10 residencias e centros para a terceira idade, complementando onde a rede da Xunta non chega. Para a súa futura xestión recabaremos o apoio do goberno autonómico, xa que ninguén entendería que a Xunta chegase a acordos con empresas privadas e non coa Administración. Moitos se preguntarán: Pero se é competencia da Xunta, ¿Por que lle fai os deberes a Deputación? Porque queremos que os veciños podan ser atendidos tamén no rural, que haxa postos de traballo no rural e a construción dunha residencia ten retorno económico para os concellos, hoxe asfixiados.
– Remataremos o programa Innova-TE, o máis ambicioso en Galicia para implantar a administración electrónica nun tempo récord, pero no que necesitamos máis implicación da Xunta para extender a banda ancha no rural. De nada sirve que nós estemos dotando tecnoloxicamente ós Concellos e rematemos no 2011 se a Xunta non lles proporciona banda ancha ata o 2013.
– O primeiro centro público de recría de gando en Galicia que construirá a Deputación na granxa Gayoso Castro, a obra máis ansiada pólos gandeiros.
2º RETO: A creación de emprego. A Deputación é a única de Galicia que está executando este ano un Plan Extraordinario de Obra Pública por 60 millóns de euros. Non só con esta medida anticíclica contribuímos á creación de emprego….
No 2011 concluiremos o Pacto Provincial polo Emprego, que busca a inserción laboral de 500 persoas nas profesións con máis futuro da provincia e previamente diagnosticadas.
Tamén estrearemos o primeiro centro de Innovación Social en Galicia dedicado ó benestar social. Baixo o nome de “In Lugo”, é un centro experimental no que se probarán, con cidadáns da rúa, produtos e servizos para o benestar social antes de que saian ó mercardo. Este “laboratorio cidadán” é un nicho de emprego dos máis importantes da provincia que ademais aforra cartos ás empresas e emprendedores.
3º RETO: A cooperación cos concellos a través do traballo en rede e a economía de escala.
Na cooperación cos concellos, a razón de ser das deputacións, non rebaixaremos nin un só euro, dámoslles máis. Como rematamos o pago das débedas históricas, incrementamos outras partidas: o programa para Concellos con menos de 5.000 habitantes pasa de 800.000 a 1.072.500 euros, case 300.000 euros máis; mantemos para obras de comunidades veciñais a mesma cantidade: 2.300.000 euros; aportamos para os parques de bombeiros 2,5 millóns de euros; 500.000 euros para o Plan Urban, que puxo fin ó enfrontamento histórico entre Deputación e Concello da capital, etc…
Esta “crise” -e non é casual que pronuncie por vez primeira este nome ó final da miña intervención, porque non son un “galaicopesimista”- foi o resultado da ausencia de política, da falta dun marco regulador que frease a especulación. Senón repensamos os retos das provincias, é dicir, de Galicia, neste mundo globalizado é doado o contaxio, incubar a seguinte crise… ou rematar en pandemia.
A Deputación de Lugo non ten medo a adaptarse ós novos desafíos. Lanzamos un pacto para superar ese “minifundismo municipal” ó que me refería ó inicio e traballar en rede; para afrontar o século 21 e non vivir das rendas dun modelo económico que se esgota, sen poboación e sen rural.
Poderiamos non facer nada do que expliquei, por austeridade, como tentan escusarse outros… pero xa quitará e porá razóns a Historia, inacabada e inacabable, como ocurre sempre coa política como tarefa.
Moitas grazas.