Nota de prensa
RAQUEL ARIAS PARTICIPA NA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DAS PRAZAS DE ABASTOS QUE SE DESENVOLVE EN SETE CENTROS DA PROVINCIA
* A delegada territorial estivo hoxe en Lugo e Monforte para apoiar a un sector comercial que “é unha garantía de calidade” e de trato profesional aos clientes
Lugo, 22 de novembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe na campaña “Este inverno presume de praceiro”, que pretende fomentar o consumo nas prazas de abastos tradicionais.
A delegada visitou as prazas de Lugo e Monforte de Lemos, que son dúas das 92 prazas de abastos de toda Galicia involucradas nesta iniciativa, na que a Consellería de Economía e Industria realizará un investimento total de 110.000 euros. Na provincia lucense toman parte tamén as prazas de Sarria, Chantada, Viveiro, Vilalba e Ribadeo.
Raquel Arias sinalou que “mercar nas prazas de abastos é unha garantía de calidade tanto no tocante aos produtos como no que se refire ao trato por parte dos profesionais encargados dos postos”.
A delegada sinalou “a importancia que para os comercios de proximidade teñen as prazas de abastos”, indicando que o obxectivo desta iniciativa é “impulsar e visualizar, por primeira vez en Galicia, o noso consumo nos mercados municipais galegos, así como potenciar a figura profesional das praceiras e dos praceiros”.
Aras incidiu na “calidade dos produtos ofertados” e “o bo facer e a profesionalidade dos nosos praceiros e praceiras”. Esta é precisamente a mensaxe que quere deixar a campaña, buscando a implicación dos propios clientes, “escoitando a súa opinión e converténdoos en xurado na elección do mellor praceiro ou praceira”.
Serán os consumidores os que determinen en cada mercado o praceiro ou praceira que merece o premio. Os votantes recibirán un agasallo pola súa participación. Así, hoxe tivo lugar un primeiro sorteo de vales de compra por valor de 75, 50 e 25 euros entre aqueles clientes que xa depositaron o seu voto.