Nota de prensa
A CIG chama a continuar mobilizándose para denunciar as políticas regresivas da Xunta de Galiza e do goberno central
A Confederación Intersindical Galega acordou continuar coas mobilizacións, logo da folga xeral do 29 de setembro, para exixir a retirada da reforma laboral, para denunciar os regresivos orzamentos da Xunta de Galiza e para frear a reforma das pensións e da negociación colectiva.
A central sindical entende que a clase traballadora só poderá defender os seus dereitos e loitar por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario como o fixo historicamente, a través da mobilización. A folga xeral do dia 29 non foi un punto final dese proceso reivindicativo, foi parte dunha campaña que se leva a cabo dende o inicio da actual crise económica co obxectivo de mudar o actual sistema económico como única maneira de erradicar estas crises cíclicas.
A manifestación celebrada o dia 3 de novembro en Santiago e na que participaron 1500 delegados e delegadas da CIG procedentes de todo o país foi o seguinte paso nesa campaña de mobilizacións, que terá continuidade na xornada deste xoves 18 de novembro, na que están convocadas manifestacións en oito cidades galegas e unha concentración na Mariña (concretamente diante do Concello en Viveiro).
Con esta campaña de mobilizacións a CIG retoma as protestas contra as políticas antisociais postas en marcha polos gobernos, e reclama a retirada da reforma laboral e pretende frear a reforma das pensións e da negociación colectiva que o executivo estatal planea sacar adiante nos vindeiros meses.
Por outra banda a Confederación Intersindical Galega quere amosar, tamén, o rexeitamento aos orzamentos galegos que se están a tramitar no Parlamento. Uns orzamentos regresivos nos que cae o capitulo de investimentos e nos que se favorece a progresiva privatización dos servizos públicos.
As manifestacións están convocadas de forma case simultánea e as horas e lugares de saída previstos son:
A Coruña: 20:00 h da Praza de Vigo
Compostela: 20:00 h da Praza Roxa
Ferrol: 20:00 h da Avda de Esteiro (diante do local sindical)
Lugo: 20:30 h da Ronda da Muralla (diante do local sindical)
Ourense: 20:00 h do Pavillón dos Remedios
Pontevedra: 20:00 h da Praza da Ferrería
Vigo: 20:00 h da Vía Norte
Vilagarcía: 20:00 h da Casa do Mar
Viveiro: 19:00 h. Praza do Concello (concentración)