Nota de prensa
TODO ESTÁ LISTO EN BURELA PARA AS II XORNADAS GASTRONÓMICAS DO PEIXE ESPADA QUE SE CELEBRARÁN DO 26 AO 28 DE NOVEMBRO. HOXE FORON PRESENTADAS NO CONCELLO POR ALFREDO LLANO E REMEDIOS LÓPEZ.
A edil socialista explicou que “coma sempre poñerase un tapeo polo pobo igual que en xornadas anteriores, intentando traballar con toda a hostalería, e promocionando algo da nosa terra como é o peixe espada, procedente dos barcos que teñen base en Burela”.
Remedios López subliñou que “o prezo da ración, como o ano anterior, será a 5 euros para o peixe espada á prancha e logo a maiores cada restaurante terá unha degustación propia onde o prezo variará segundo o custe da súa elaboración. Así nestes días poderemos saborear pratos elaborados por unha hostalaría moderna como peixe espada albardado sobre panadeira azul e culi de pemento, milfollas de peixe espada con crema de queixo de cabra, ensalada de peixe espada aliñada con escabeche e peixe espada ao saimoriglio. Tamén outros mais tradicionais como peixe espada con crema de langostinos, peixe espada á prancha con tomate, peixe espada ao estilo Miranda, á sidra, en dúas salsas, con gambas, en salsa verde e con salsa á viscaíña”.
A concelleira de Mar sinalou que “os hostaleiros e bares do concello cada vez son mais numerosos, e a nosa intención é que participen ao 100% aportando cada un a súa destreza culinaria. Nesta ocasión participan 24 hostaleiros, a vez de maior afluencia ata o de agora”. Son: bar O Raio, Mesón do Poeta, Restaurante Lucer, Palacio de Cristal, Mesón Carlos, Mesón Hamilton, Os Remos, Parrillada A Marquesa, Mesón Don Jamón, O Sargo, La sartén de Carmen, Cervexería A Bodeguilla, Parrillada de Jandro, A Facenda, Casa Miranda, Hotel Galatea, Hotel Nordés, O Portelo, Rompeolas, bar Da Costa, Churrasquería Abrente, A Lonxa, Mesón da Pedra e pizzería A Muralla.
López Villar engade que “o Concello, como organizador das xornadas, segue a promocionar Burela como pobo mariñeiro. Coma sempre encargase, sen costo algún para o hostaleiro, da publicidade en prensa, radio e cartelería. Tamén nesta ocasión repartiranse libros da colección Os sabores do noso mar, recen estreados do peixe espada, polo consumo dunha ración nun dos locais participantes. Quero lembrar que todo este proxecto levarase a diante grazas á subvención concedida ao 65%, a través dos GAC da Mariña- Ortegal cos Fondos Europeos da Pesca, do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e da Xunta de Galicia. O resto do orzamento, o 35%, será a cargo do Concello de Burela”.