O fillo dun militante dun partido político con poder e con amigos poderosos en algún garito dos que gastan o vil diñeiro nesta terra négase a seguir estudando. O pai presiónao para que faga polo menos unha carreira curta, pero o raparigo péchase en banda. O pai dille: ¡Non quero folgazáns na casa! ¡Terás que traballar!
Chama ao seu amigo “Fulano”, poderoso jerifalte da cousa publica, e dille: “O meu fillo deume un desgusto de morte. Négase a seguir estudando e non quero que se converta nun vago. Mira a ver se lle atopas un traballiño por aí”.
Tres días despois, “Fulano” chámao e dille: “atopei para o teu fillo un posto de asesor da Comisión de…….., cun soldo mensual de 9.000 euros. Espero que esteas contento”.
“Non, “Fulano, non me entendiches. Ese posto é demasiado alto para alguén que empeza e sen experiencia. Quero algo de menos diñeiro, só para que traballe e non se faga un folgazán”.
Ao día seguinte, “Fulano” volve chamar: Atopeille un posto de secretario dun deputado. Con dietas e dedicación, gañará 5.000 euros ao mes”.
“Fulano, por favor, non mo malees. Ten que ser algo menos importante e con menos retribución. Non esquezas que a miña intención é que volva estudar e faga a súa carreira”.
Dúas horas despois: “Xa lle atopei ao teu fillo o posto ideal. Será contratado como adxunto ao Xefe de Servizos… O soldo é de 2.800 euros ao mes”.
“Fulano, por favor, enténdeme. O que quero é un posto de 600 euros ao mes, só para que coñeza o que é o traballo e se decida a estudar”.
A resposta de “Fulano” é fulminante: “Imposible. Iso non podo facelo nin para o meu mellor amigo. Eses postos son moi difíciles porque requiren estudos con titulo, idiomas e oposicións moi complicadas. Síntoo”.
(Real como a vida mesma. Hai numerosos casos nesta Galicia dos nosos pecados que se axustan minuciosamente ao caso narrado).
Otero Regal