SPACE GASIFRED-BURELA FS, REMINISCENCIAS DE PLAY OFF
O Burela FS partiu hoxe a mediodía con rumbo ás illas Baleares para medirse a un rival que coñeceu e venceu no pasado play off, o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa. O Polideportivo Insular Blancadona acollerá o encontro mañá, ás 17.30 horas, pertencente á décima xornada de Prata.
O cadro laranxa atopará un rival correúdo co hándicap engadido dunha pista sintética, que prexudica a velocidade de xogo á que os mariñáns están acostumados. É unha cita repleta de dificultades para o Burela FS. A clasificación do Gasifred, décimo sexto con 4 puntos, non debe levar a enganos aos pupilos de Suso Rey, posto que se enfrontan a un equipo moi forte na casa; ata o momento tan só disputaron tres encontros como locais e en dous deles sacaron os puntos actuais (Cáceres 3-3 e Zamora 4-3). Os insulares recibirán os burelistas con moitas ganas, tras as dúas derrotas encadeadas ante os de arriba, Puertollano (2-0) -segundo- e Ribera Navarra (3-2) -terceiro.
A escuadra mariñá afronta a cita sen novidades en lesións; o gaditano Víctor Cachón xa comezou a facer carreira e evoluciona favorablemente da rotura de ligamento lateral interno. Volverá Suso Rey ao banco, despois de cumprir a sanción de dous encontros imposta ante ElPozo. No entanto, quen non estará será o capitán, Juanma; o club concedeulle permiso para non viaxar, por motivos persoais.
Nas filas eivisencas, perderá o duelo Álex del Amor, sancionado cun encontro de suspensión por “utilizar medios violentos cun contrario” ante o Ribera Navarra. O enfrontamento cos tudelanos tamén lle trouxo problemas a Hugo Nava; o técnico estará apartado das pistas cinco xorndas, tres por “dirixirse a un dos colexiados en termos de desconsideración e menosprezo grave” e dous adicionais por “permanecer na bancada dando instrucións aos seus xogadores despois de ser expulsado, facendo caso omiso ás indicacións arbitrais”. Ademais, a presenza do ala brasileiro Alves, ex do Gijón-El Llano, é dubidosa, por unha lesión de nocello.
A afección laranxa poderá seguir o encontro, minuto a minuto, polo chat on line da emisora balear Radio Energía.
Cheque Regalo de Cruceiro. Os socios/as laranxas xa poden pasar polas oficinas do CD Burela FS para recoller o seu ‘Cheque Regalo de Cruceiro’, por xentileza do Club Oro Viajes. Este bono brinda a posibilidade de gozar dun desconto de 300 euros no caso de 2 adultos, con ou sen nenos, e 150 euros de desconto para 1 adulto viaxando só (maiores de 18 anos) nunha reserva de cruceiro da compañía MSC Cruceros de mínimo 8 días. O hotel La Quinta Park Suites, de Tenerife, tamén ofrecerá vantaxes para os socios/as burelistas, cun desconto de 150 euros no caso de 2 adultos, con ou sen nenos, ou 75 para 1 adulto viaxando só, nunha estancia mínima de 7 días, con media pensión.
A Pataca Naranxa. A peña burelista A Pataca Naranxa reunirá os seus socios/as nun xantar o sábado 6 de novembro, coincidindo coa visita do Arcebansa Zamora FS a Vista Alegre. Será ás 15.00 horas, na Parrillada de Jandro, cun prezo de 10 euros. Todos os interesados/as xa poden reservar a súa praza a través do número 607 74 87 86 ou recoller os tíckets na cafetería Vista Alegre ou na propia parrillada.