Site icon Crónica3.com A Mariña

Sepes ofrece bonificacións ás empresas interesadas na adquisición de parcelas no polígono de Ribadeo

Nota de prensa

SEPES OFRECE BONIFICACIÓNS DO 10% SOBRE O PREZO DA PARCELA ÁS EMPRESAS INTERESADAS EN INSTALARSE NO POLÍGONO INDUSTRIAL QUE SE ACOLLAN Á MODALIDADE DE PAGO AO CONTADO, SEGUNDO ANUNCIA O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ.

Ribadeo, 27 de outubro de 2010. Sepes ofrece bonificacións do 10% sobre o prezo da parcela ás empresas interesadas en instalarse no polígono de Ribadeo que se acollan á modalidade de pago ao contado, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor referíuse hoxe “ao tan ansiado e tan real polígono industrial de Ribadeo despois de tantos anos de vicisitudes e problemas que houbo que ir resolvendo durante estes últimos tempos e que por fin está rematado, por fin xa se aprobou definitivamente o proxecto de reparcelación e polo tanto é moi probable que antes de que remate o ano responsables de Sepes acudan a Ribadeo a facer as operacións de compra-venda de todas aquelas persoas ou empresas interesadas na adquisición de parcelas do polígono. Das 55 existentes hai 12 formalmente aseguradas, nun momento de expansión económica sería unha cifra mala, pero a día de hoxe coa que está caendo é unha cifra respectable e hai que tela moi en conta”. Suárez Barcia sinalou que “seguimos a recibir a xente que quere información sobre as parcelas, sobre as condicións, etc… o cal alenta a posibilidade de que a corto prazo este número de 12 parcelas se siga incrementando”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “o consello de administración de Sepes aprobou hai moi pouco tempo novidades nas condicións económicas de interese para os que se queiran instalar aquí ou aqueles que xa tendo previsto facelo deben coñecelas, son novidades nas bonificacións para os que vaian facer o pago da parcela ao contado. Hai que lembrar que pode haber dúas modalidades a de pago aprazado e a de pago ao contado. Para o pago aprazado a xente que moitas veces non ten liquidez prefire que Sepes se constitúa nunha especie de banco público e cun tipo de interese do 5% pode financiar ata en dez anos a adquisición da parcela, pero si alguén fai o pago ao contado pode obter unha bonificación do 10%, unha porcentaxe que ata hai pouco tempo se situaba no 5%”.

Para Fernando Suárez “esta medida pon en valor outra vez este polígono industrial de Ribadeo que, sin meternos con ningún outro da Mariña, é o que ten a mellor ubicación posible e desde logo é un parque que ten unha capacidade de futuro enorme, aínda que tanto este polígono como os demáis teñen un problema que é que agora a economía está nun momento de contención enorme, pero penso que con estas medidas que se están a dar, a parte dos plans que tanto Xunta como Ministerio están facendo para este tipo de actuacións, poden ser moi positivas para que a corto ou medio prazo vaiamos vendo como se vai enchendo este polígono de actividade”.

Exit mobile version