Como comentaba noutro artigo despois do debate sobre o Estado da Nación no pasado mes de xullo, o PP e Rajoy, estaban de noraboa, posto que sen facer ningún mérito, só adicándose a esperar, os ventos corrían ao seu favor. O actual goberno desgastase, e o PP sen dicir que medidas e de que tipo deberían tomarse, vía aumentar as súas expectativas electorais e situándose en claros gañadores dunhas posibles xerais. Os asesores do Sr. Rajoy chegaron a dicirlle que non tomara ningunha decisión e que non dixera nada novo, só aquelo de que “o goberno está esgotado e queremos eleccións xerais xa”. Xa tiñan a Moncloa ao alcance da man, só esperar, canto menos tempo mellor. Sería bo pensar que as lexislaturas duran ou deben durar catro anos que é o tempo que os electores lle dan a un goberno.
Neste senso, na actual semana, están ocorrendo cousas que empezan a preocupar a Rajoy, que deberá mudar a estratexia. En primeiro lugar o goberno chegou a un acordo cos grupos do PNV e de CC (Coalición Canaria), para aprobar os orzamentos e polo tanto poder chegar ata o 2012. Terán que estar outro ano e medio coa mesma cantinela, parece que é demasiado tempo sen dicir nada, ata o momento xa perderon 4 conselleiros e o vicepresidente da comunidade de Canarias, rompendo o goberno desa comunidade en desacordo polo apoio de C.C. aos presupostos do Estado.
Segundo golpe na mesma semana, Zapatero fai unha profunda renovación do goberno, dándolle un perfil máis político, e pensado que o novo goberno vai facer máis pedagoxía e transmitir mellor aos cidadáns o traballo. Formando un goberno cunha ideoloxía máis próxima aos sindicatos e máis de esquerdas. Esta segunda medida volve a deixar a Rajoy en fóra de xogo. A súa reaccións foi, máis do mesmo: pedir outra vez eleccións xerais; parece que non teñen nada máis que dicir.
A estas horas o equipo de Rajoy, aquel que lle propoñía que se adicara a deixar pasar o tempo, terá que estar esmagándose os miolos para mudar a estratexia, porque evidentemente outro ano dicindo o mesmo pódese facer moi repetitivo e podería conducilo a perder as terceiras eleccións xerais seguidas. Esto sería un grave traspés para a dereita. Os coríferos da dereita mediática non poderían soportar unha nova derrota electoral. Cando en algunha das próximas enquisas electorais comproben que a distancia volve a recortarse, poranse moi nerviosos e pedirán a cabeza de Rajoy e das medianias que o acompañan na dirección de PP. “Ano e medio en política” como dixo Zapatero é moito tempo, máxime cando a oposición non ten nada que dicir. Volve a haber partido e nos próximos dezasete meses, ata marzo do 2012, viviremos os españois unha etapa diferente.
Pedro Chao Polo