Site icon Crónica3.com A Mariña

Resposta á asociación veciñal “Cruz da Venta”


RESPOSTA Á AA.VV CRUZ DA VENTA

Vaia por diante que entendemos o entusiasmo que xenera para algúns colectivos neste pobo a construcción dunha goleta e o derribo dun centro educativo, e por iso non sorprende a reacción de certas asociacións coma Cruz da Venta; e máis, temos que confesar que esperabámola.

Da súa visión sobre o que os veciños esperan dos seus representantes políticos estamos de acordo no que se refire a traballar arreo polo ben do pobo; pero traballar na procura de investimentos e melloras para o noso concello, non significa non esixir prioridades á hora de seleccionar o abanico de opcións que dende as distintas administración se ofrece aos concellos, a través dos orzamentos. Por iso, cando o GMS de Cervo discrepa sobre a conveniencia de construír a goleta, non está dicindo que non queiramos para Cervo os case dous millóns de euros que custa a súa construcción, o que dicimos é que se empreguen primeiro en cubrir necesidades básicas, porque entendemos que non é de recibo que poñamos unha alfombra a un barco, cando as persoas que viven ao lado do porto onde se vai construír, camiñan sobre socavóns.

Cando discrepamos sobre o emprego de máis dun millón de euros no derribo dun centro educativo e a posterior construcción dunha praza, facémolo porque cos mesmos cartos, a gardería municipal para os nenos e o centro de día para os maiores sería unha realidade, que crearía servizos no centro do pobo e por conseguinte maior dinamismo e actividade económica e emprego.

Os representantes municipais tamén temos que adaptarnos aos tempos e ás circunstancias, e coa crise coma fondo, temos a obriga de investir de forma eficaz e eficiente nas cousas que de verdade importan. Poderíamos aplicar o buenismo político para evitar polémicas e dicir que preferimos unha goleta a un centro de día, a un saneamiento, etc, pero estaríamos sendo uns hipócritas e o que é peor, estaríamos dando aos veciños de Cervo o exemplo de que preferimos o confetti e os caramelos, para distraer e que nos olvidamos do realmente importante e necesario, que é o “regalo” dos servizos.

Para a tranquilidade das asociacións que defenden a construcción da goleta, temos que dicir que tanto para o equipo de goberno de Cervo, coma para a Xunta que preside Feijóo, as opinións do noso grupo municipal nunca foron tidas en conta á hora de tomar decisións que afectaran aos nosos veciños, así que coma parece que as prioridades do Concello e Portos pasan pola construcción do barco, non vemos inconvinte algún para que as súas pretensións sexan satisfeitas.

Postos a opinar, para o GMS non deixa de ser curioso, que a asociación Cruz da Venta só critique a nosa opinión ao respecto do barco e non teña feito nos últimos anos, manifestación algunha ao respecto doutros problemas que afectaron e afectan ao noso concello, e que foron motivo de polémica coma o urbanismo, o apoio a posta en valor do castro da Atalaia, a perda de poboación, o ERE de Sargadelos, etc. Supoñemos que coma para os políticos, vostedes tamén teñen prioridades, e estas últimas non están na súa axenda.

GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE CERVO

Exit mobile version