Tal e como se enfoca a solicitude de apoio no que respecta ao grupo municipal socialista de Cervo, dá a impresión de que debamos tomar partido por un dos supostos “equipos” (o que está a favor da construción da goleta ou o que a critica neste contexto de crise).
Os socialistas de Cervo, discrepamos sobre a conveniencia de empregar nestes momentos 1,8 millóns de euros nunha goleta, como tamén rexeitamos o gasto de máis de 1,2 millóns de euros no derribo dun colexio. Non o rexeitamos porque si, senón que o facemos porque ese gasto non se corresponde de forma racional coas necesidades prioritarias dos veciños do Concello.
En Cervo, coma no resto do pais, a inmensa maioría dos cidadáns non viven preocupados pola execución dunha goleta; preocupa asegurar a atención e calidade sanitaria e educativa, a asistencia e recursos ás persoas maiores e as súas familias, as infraestruturas necesarias e as iniciativas de emprego que vaian máis alá de anuncios populistas ou a creación de falsas expectativas urbanísticas e industriais. Preocupa e moito, a fuga dos nosos mozos, que camiñan cara ao futuro coas maletas preparadas para irse en canto completan os seus estudos; preocupa a perda de poboación nun concello, que a pesar de estar enmarcado nunha zona privilexiada, se desangra ano tras ano porque non se acertou coas prioridades para o seu desenvolvemento, mentres emerxen á súa costa concellos veciños.
Pódese subvencionar perfectamente aos carpinteiros de Ribeira, para que a súa maravillosa labor e patrimonio non decaiga, pero a cifra empregada é a todas luces desorbitada, cando ademais a catro pasos do punto onde se vai construir a goleta, os veciños do Porto de Arriba transitan polas rúas cheas de socavóns e sofren roturas nas canalizacións cada dous por tres. Ademais de todo isto, vemos que nos presupostos da Xunta para o ano 2011, no que respecta a Cervo non aparece nin un só euro destinado a construcción do porto, que debería albergar nun futuro ao bergantín.
Non estaría de máis, por cuestións prácticas, que fose primeiro o porto, e despois o barco.
GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE CERVO