Nota de Prensa
Preto de 1.000 persoas participan este mes no programa da Deputación Km0
– 80 veciños da Fonsagrada e de Lugo viaxaron hoxe ata a Mariña dentro da iniciativa coa que o organismo provincial crea emprego e pon en valor a riqueza medioambiental da provincia
– Os Concellos de Viveiro, Ribadeo e Negueira de Muñiz, destinos elexidos polos participantes desta semana
Un total de 970 persoas participarán este mes no programa medioambiental Km0, e que se suman ás preto de 20.000 que xa pasaron pola iniciativa iniciada en 2008. Precisamente, un grupo de 55 integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas UDP da Fonsagrada e outro de 24 membros do grupo de ximnasia do Barrio da Ponte (Lugo) foron recibidos no Pazo de San Marcos dentro da iniciativa coa que o organismo provincial demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia e contribúe a manter 3.000 postos de traballos directos e indirectos.
O grupo da Fonsagrada visitou o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e a Mariña. Concretamente, fixeron o paseo dos eucaliptos de Chavín e coñeceron o convento de Valdeflores e a cerámica Regal. Pola súa banda, os veciños de Lugo percorreron o Centro de Interpretación do río Miño e fixeron unha travesía marítima pola ría de Ribadeo e deron un polo casco histórico do municipio mariñano.
O xoves, 48 membros da Asociación Senior Telefónica de Lugo decantaranse pola Montaña. Previamente, elexirán o Mazo de Santa Comba e visitarán a área recreativa de Negueira de Muñiz, así como o Museo Comarcal da Fonsagrada. Ese mesmo día, 55 membros da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu da Insua (Vilalba) tamén viaxarán ata Ribadeo, onde coñecerán o Centro de Cultivos Mariños e farán unha travesía marítima pola ría. Completarán a ruta cunha visita ó Centro de Interpretación Terras do Miño.